17.12.07

cálidos exercicios de morriña


era unha cidade do norte e iso, xa saben, imprimíalle certo carácter literario e facíaa atractiva en si mesma. por estas datas as tardes caían en noite con premura pasmosa, abundantes en humedades e paraugas descuartizados nas intersecións das rúas que batían contra o océano. e aínda cando as choivas eran poucas, a cidade afanábase en simular os momentos previos aos temporais e suspendíase o día na incerteza do mal tempo. e iso constituía unha das súas maiores virtudes, convertíaa nunha boa cidade para escribir dende un cuarto sen moita luz natural, quente como habitación de panadeiro ou dende un café do centro, tranquilo e con certa tendencia ao jazz en voz baixa.
eu marchara e deixara aquel lugar dun día para outro, sen despedidas nin anuncios, nin máis líricas que tres caixas de cartón nas que cabía un ano de trastos e roupa de inverno. escollera destino máis ao sur para dedicarme ao mesmo que me dedicaba no norte, basicamente vivir e chegar a final de mes. levaba varios meses ausente e pola cabeza poucas veces me pasaba aquela rúa desdabrigada na que me collían as choivas do inverno á volta do super, nin as voltas que daba para aparcar na cidade alta, nin a pequena librería na que me ofrecían café e conversa, nin a praza daquela españa que fora da leña na que agardaba pola miña comadre cando era de saír. a penas pensaba nos tellados sementados de gaivotas nin nas tardes nas que o sol se deitaba por detrás da torre xusto antes desta cenderse. nunca me detivera a estrañar as rúas estreitas nas que derrubaban edificios antigos para regocixo dos axentes inmobiliarios nin aquelas dedicadas ao tránsito dos paseantes que apegan o naris nas cristaleiras dos negocios caros.
a dicir verdade, nunca me detivera a botar de menos aquela cidade suspendida sobre o océano.
o sentimentalismo chegou despois. unha poeta de voz suave chamou para convidar a unha parolada na que eu comentaba a miña experiencia dixital. por primeira vez en anos, movida por non sei que fibra interior en certa medida sensible ao paso do tempo e ás súas consecuencias, saín da casa moito antes do necesario e cheguei demasiado pronto á nosa cita. aparcaquei onde sabía que atoparía sitio e fixen tempo paseando polo recordo daquela cidade que tempo atrás me acollera no seu ventre. chamei algúns amigos para facer da visita un claro exercicio de morriña. viñeron escoitarme, malia que xa sabían todo canto eu lles podía contar, e despois ofreceronme café nese bar tranquilo de inclinación ao jazz que comentei uns párrafos atrás. aí chegou o que, supoño eu, se buscaba con todo isto.
a memoria é moi puta. escolle de maneira nada aleatoria aquilo que habemos de remoer toda a vida e saca do medio o que non lle interesa para nada andar a remexer. pero un día un olor, ou un sonido ou calquera outra cousa que os sentidos non son quen de trasmitir ao cerebro, pégache na cabeza coma un ladrillo e caes na conta do cravado que tes en ti iso no que nunca pensas. foi naquel bar -igual foi cousa do jazz- onde comecei a estrañar as amizades que quedaran na cidade da que marchara sen arrepentemento nin previo aviso. quen brindaba comigo era unha delas.
falamos de cousas sen importancia, traballos e demais logros e preocupacións vitais. botamos un anaquiño. tomei dúas cervexas das que permiten conducir despois sen xogarse o cárcere. a tarde completouse con dúas novas incorporacións á nosa mesa da morriña. preguntei polas novidades e foi así como cheguei a saber do sonoro maxín e outras festas que a vida preparaba. marchei con abrazos antes do día acabar e dixen ata logo á camareira porque, nese punto da tarde, ata por ela sentía tamén certo apego. preguntoume. díxenlle que xa non vivía alí. agora, expliqueille, vivo nunha cidade á que nunca chegan os temporais e as horas de sol parecen máis.
de volta ao coche buscábame no reflexo das cristaleiras dos negocios pechados. non era pracer por exercitar a melancolía, nin a tristura nin nada diso. era só para comprobar que os cristais aínda devolvían o meu reflexo naquel lugar no que estivera e xa non estaba. unha reconciliación, ou algo polo estilo.
metinme no coche e arranquei sen a máis mínima traza de dúbida. antes de coller a autoestrada dinlle unha volta á cidade seguindo unha das avenidas máis longas. pero cansei en seguida. tal vez xa recordara todo canto había que recordar daquel lugar. despedinme da torre e marchei.
de volta á casa as luces do coche eran camiños insignificantes na escuridade do universo.

4.12.07

domingos e festivos



as visitas, que son poucas, traen sempre que veñen noticias de lugares que por forza resultan descoñecidos para quen non abandona esta casa e os seus camiños. adoitan vir en festivo ou fin de semana, nunca en cotío, porque os días de cotío sonche para traballar e a xente anda apurada. cando veñen o xantar é de domingo, abundante coma en festa. é moito nervio porque cociñar sempre para un faiche perder mañas entre as potas. e hai que darlle algo bo, que saiba. se eu vira para ler cociñaba polos libros. pero non vexo. así que cociño pola cabeza, de memoria. e se o tempo está bo e a humidade non fai quebrar as mans, preparo un flan que se sirve con caramelo e que lle sabe a todo o mundo porque é unha cousa boa, con ovos da casa. e despois aínda hai que poñer a mesa, que é pequena pero... e pranchar manteis, e escorrentar a humidade do salón porque alí nunca se entra. só cando vindes vós. leva toda a mañá arranxar todo iso. e tamén hai que facer café e sacar os pocillos que viñeron na maleta dalgún familiar que cruzou o mar. e lavalos todos, porque nunca se usan, eu nunca os uso. todo ese traballo para un día, ou unhas horas. que facemos? ás veces pasamos a tarde enteira e miramos o pequeno xardín que hai pé da cabeceira, ou falamos mentres tomamos o café ou vemos a televisión. a televisión fai moita compaña. outras veces marchan pronto porque levan apuro. despedímonos á porta, ao lado do xardín onde aparcan o coche. eu vou ata o coche a dicirlles chau. e queda a televisión prendida con toda esa xente falando na casa...
a televisión fai moita compaña. é como ter xente na casa.
a foto é juandelux

31.10.07

movidas viguesas ( propaganda pura e dura)


aquí estamos de novo co noso. o que facemos supoño que xa o saberesdes, pero por se acaso a alguén lle quedan dúbidas, lemos poesía, repartimos licor café, soltamos unhas parrafadas, cantámoslle uns temas e , previo sorteo dun lote de libros rescatado da caixa da basura dunha biblioteca público, recollemos e marchamos.
estades convidados. os libros a sortear prometen. avanzamos títulos para facer fame: es la biblia realmente la palabra de dios?, el niño y la música, curso de correspondencia comercial... entre outras glorias.
;)

26.10.07

días alddao




estimada compañeira de fatigas:

non sabes canto me alegra a túa unión con diegodelgado. cada mañá deste outono que non acaba de chegar ao sur, premo o play e perdo o control. porque é un temazo, iso que che fai arrepiar as carnes e se che crava no esternón. ata entristecer presta se ti cantas e diego fai a música. ian curtis restorceríase de pracer ao escuitarvos.

así que seredes finalistas, pero para min xa gañachedes o ceo con este pedazo de versión.

vouna poñer outra vez antes de rematar esta carta, que é só para agardecer que tiverades chegado a este mundo e topado comigo polo camiño.

bicos descontrolados alddao

7.10.07

adiantando novembro



a golpe de outono que non parece tal, mig seoane e unha servidora pecháronse na casa para darlle forma ao primeiro obxecto de nove - ese premio avelina valladares que só deus sabe cando sairá en papel-. a intención é facer do libro un artefacto para o voso disfrute, evento que prepararemos durante o mes homónimo, pero... non adiantemos acontecementos. polo de agora só podemos convidar a percebes.

11.9.07

almorzo


madrugar porque o espertador reclama días que comecen cedo e co sol aínda medio agochado. erguerse só para facer zume de laranxa fresquiño e escoitar correr a auga da ducha . cortar pan e torralo levemente para que a manteiga se deixe ir sobre el con suavidade. abrir a marmelada de mamá e botar coa culleriña anaquiños de amora sobre catro torradas. mentres tanto, facer café e mirar as dúas cuncas virar no microondas uns minutos. estirar o azucre que queda no bote. achegarse á ducha. xogar a botarse auga coa boca. rir muito. almorzar e facer plan triviais. imaxinar os días nos que non teñamos que madrugar. abrazarse entre o quente deste pixama e o calor fresco da pel recén duchada. baixar á rúa e agradecer o sol que medra no ceo. bicarse.

a verdade, durmir media hora máis ou media hora menos non ten tanta importancia cando o almorzo é bo.

;)

5.9.07

mallando noutra eira


ando mallando na eira de volta e dálle e malle vai malle vén... non dou feito outra cousa.

aínda é un esforzo de carallo ganalo pan... non se crean.