31.5.05

fracaso escolar

Encho a lacena de madalenas e galletas, compro tres paquetes de jps, arranco e agocho o cable da antena da tele, afilo seis ou sete lápices de cores, limpo as gomas milán contra a mesa e en consecuencia encho todo de miguiñas, pásolle unha xesta rápida, fago moito café, busco durante un bo anaco os folios 17 e 23, poño música, chaman por teléfono, falo mentres cociño, pégaseme a tixola,frégoa despois, como algo mentres leo o índice, poño leite a quentar, busco un bolígrafo que tiña aquí ... , sáeme o leite por fóra, maldigho, límpoo, prendo un cigarro,volvo para a mesa, érgome por un cinceiro, volvo á mesa outra vez, o bolígrafo non aparece... vaia, fáltame taméno folio 7 ...
(suspiro.así non hai quen estudie)

28.5.05

desta que vaia xa







por sorte ou por desgraza, nos últimos días advirto entre os que me rodean un clima de esperanza, unha ilusión por cambiar defintivamente a sorte do país, cousas que me fan pensar que non son uns poucos sós os que queren que isto cambie. ás veces cando me ergo polas mañáns penso se non será que vivimos nunha pequena burbulla e despois do 19 todo volverá ser o mesmo. aínda que así fose eu xa me daría por satisfeita só de saber que somos moitos os que abrimos a boca para berrar forte. mentres asisto á aparición de novas iniciativas que tamén reclaman o boto para os botarates que nos malgobernan. hoxe mesmo preséntase o manifesto desta vai nun acto previsto para as 12.30 no teatro principal. o manifesto está promovido por varias asociacións de caracter diverso e veñen a dicir maís ou menos o mesmo que moitos pensamos; que hai que botalos, pero hai que botalos xa, antes de que sexa demasiado tarde e acaben con nós e coa nosa saúde.

25.5.05

HQB ou como ser invisible e berrar.


Aínda que a maioría dos medios, incluídos os que puxeron a parir a película antes de vela, non o digan, HQB está superando todas as espectativas, o que parece indicar que no lado escuro da forza hai muita xentiña de dios. Encheuse ata os topes o teatro, e quedaron espectadores á porta, nos dous pases programados para o día da estrea o que supón que máis de 800 personas se achegaron ao principal a ver o filme. O número de descargas na páxina web non para de subir e mentres escribo isto ronda as 25.000 peticións entre as 24 curtametraxes. Isto unicamente significa que esa cifra foi o número de veces que se clicou para comezar o proceso de descarga, pero o que é claro coma a auga é que dende domingo ata hoxe unhas 14.600 personas visitaron a web, e non leva trazas de parar. No emule o panorama pinta parecido e axitado, se un atende aos comentarios deixados polos usuarios, e ao correo de arredemo non para de chegar formularios con ofertas para organizar exibicións, tantos que se lle calculan uns 2.000 dvd’s en circulación. E isto sen ter en conta a xente que pode copialo e distribuílo ao seu antollo por obra e graza do copiceibe.
Hai todo un exercito cidadán implicado en proxeccións non só por todo o país, tamén en Barcelona, Madrid, Valencia, Canarias, Berlín, Londres... e moitos sitios máis, que para iso os galegos levamos séculos facendo patria lonxe da casa. Hoxe mesmo a película pódese ver en varias facultades de diversos campus, nunha proxección expansiva que pretende extenderse a toda Galiza o día 4 de xuño. E aínda hai que contar os numerosos sitios da rede, especialmente os blogs galegos, nos que se poden atopar referencias a HQB e á campaña de estimulación do boto. Dar un paseo por eses sitios é un bo exercicio para confirmar, por se alguén lle quedaban dúbidas, que isto non é cousa dunha rabieta de catro radicais chic.
E fronte a todo isto, sepulcral silencio da maioría dos medios.
É triste. Triste vivir nun país no que sistemáticamente se despreza a voz do pobo, é difícil ser cidadán así, con tantas cousas en contra. E que aínda nos fagan crer que isto é o que merecemos roza o insulto. Son eles os que non nos merecen.
E quede ben claro que aquí non hai partidos que manden. O boto que se pide comeza cun b maiúsculo e co outro cada quen que faga o que vexa. Que aquí os malos somos moita, moita xente que pensamos que era bo que esta burla rematara dunha santa vez.

24.5.05

autopoétiva vs.1.0

Así é que desexas saber como se fan os poemas? Curioso pequeno que cada vez te fas máis grande. Os poemas son fráxiles e difíciles de coller coma os chopos listos e un ten que sentar á beira do peirao e pasar varias noites observando os movementos das mareas e as costumes dos bancos. E un día, ben disposto, agarrar a cana fortemente entre as mans, pero deixando a seda ceibe bailar as correntes e afanarse en seguilos a donde queiran eles ir e traelos a onde ti queres que vaian. E despois ás veces pican e tiran forte do cebo e arrástranche debaixo das augas. E alí xa cada quen ten a súa sorte. Hai máis infinitas mil e mil leguas submarinas. E alí o reflexo do mundo sobre as augas é tan verdadeiro coma o mundo. Pero outros non. Outros son coma as robalizas que se buscan nos cantís e rompen coma o mar con tanta furia.

18.5.05

en polaqia

xa chegou a primavera.
.

16.5.05

bota,anda, bota


xa está pra estar a película de hai que botalos, pensaron que nos collían desprevenidos adiantando comicios...pois non. o caso é que coma as grandes produccións a cinta chegará antes ao emule que a propia estrea. que por certo é o domingo 22 no teatro principal. e xa conta con melodía pegañenta, de corte electoralista que podedes descargar aquí- atención á letra que non ten desperdicio a pesar do aire ochentero da composición-.
e a ver se desta saímos de cabalo e se hai corenta, todas nosas.
(verso prestado de aquí)

13.5.05

pos de poeta

non ter carné obrígame a durmir en alleo e pouco nesta semana frenética. gracias que os días chegan a venres e podo pasar pola casa para algo máis que coller unha muda. botáballe unha plaga a rosalía de castro por ter inventado o día das letras galleghas se fose culpa dela que as tales letras, cal aurora boreal, só sexan visibles unha semana no ano.
aínda así, eu perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe -e recitar sábeme máis que as patacas frixidas- e porque dei con boa xente, que fixo que estes días fosen auga de maio para o meu ánimo, botado a perder polos quilómetros.
só me amolou que hoxe hermanos ferrín e eu non nos puxéramos de acordo para chegar a tempo onda o poeta das laranxas. unha e mil lle debo pola miña falta.

6.5.05

soutomaior



aquí pasarei a fin de semana en compañías inmellorables, escribindo. só agardo non ter que madrugar tanto coma o seu máis famosos inquilino.
ai...que vida de poeta!

4.5.05

buscando no armario do faiado



...para esta noite de loucuuuuraaaa! e frikismo que maquinou radio kalimero para a sala nasa
terei que abrir o armario de pandora das ochentadas... e para os que non se sintan con ánimo abondo para desuperhorterizarse e mineralizarse hai unha alternativa cabaretística "altamente recomendable" no abastos, alá polas 22:30. o seu nome é psisosisgonsales e pódese consumir sen receita.
atoparémonos nos bares, aínda que nos vexamos pouco.

3.5.05

martes de estrañeza


a pesar de que me ergo cedo non me dou aire dabondo para chegar a primeira clase e a segunda pérdoa facendo cola en correos, onde por fin me decido a enviar o libro que levo cargando no bolso dende a semana pasada. perdida a clase enredo na palavra ata mediodía e ata merco anxos para outro regalo. xanto soa e mal, maldecindo a idea que tiven de vir de tenis. serei torpe.
da desisdia do mediodía só me rescata un café fugaz en cas mr.punch. de alí saio con calma a onde quedei co nenoO para un deses cafés que se estenden na paisaxe da tarde. gústame escoitalo falar, comentamos dos libros que viaxan por correo. dígolle que estou escribindo e regálame unha novela.
antes de marchar, que xa levo algo de apuro, ensíname algo sorprendente.ten esa habilidade deliciosa. marcho, xa quedaremos.
cos pés dabondo mollados para a maldición pública entro na autoescola, minto vilmente para que me den os tests de ir o exame e vou baixando cara a burla, que formiguea ademáis de estar especialmente inspirada. reúnome moi a gusto ata que hermanos ferrín chama por min para a casa.
na silenciosa terra dos arañóns coma puños paro a ler o xornal no de pepe e reflexiono.
que idea tiña cando me levantei?

2.5.05

outros libros

eu, pola miña parte, e tendo en conta os meus escasos ingresos que non dan para literatura e tabaco todo xunto, visito estes libros libres que alguén, a quen llo agradezo ben e de corazón, me recomenda. mentres descargas tes o tempo xusto para ir por un paquete de jps (1'50 euros) ao estanco da esquina.