
a borraxeira entrou por fisterra e foise deitar sobre montepindo. trouxo ese orballo miúdo que chaman calabobos e espesou a paisaxe estéril co ánimo de ocultala. aínda así, foi un intento inútil. a imaxe resultou se cabe máis espectral ao apareceren entre a nada os brazos negros das árbores, coas falanxes estiradas clamando ao ceo. e os quilómetros volvéronse silenciosos de maneira inquedante. como se nada vivo cruzase durante séculos as paraxes queimadas. agás ese peso de derrota que adquire a borralla no ambiente, que sabe cravar profundo coma o aire dos defuntos.
nas terras de dolor os días son cincentos aínda que a borraxeira levante e o sol alumbre. a terra desfaise co peso dos pasos. e un ten que se apartar dos cadáveres queimados que queren prendelo entre as súas costelas de cetáceo. así é a morte cando arde. nin a terra para, porque cando as choivas cheguen arrastrarán todo cara os areais e descubriranse as laxas rosadas de ferida. triste miseria.
nada prende sobre as pedras. adosados e viradores son das poucas especies que se dan despois do lume. estércanse coa complicidade silenciosa dos que permiten e engordan eles sós coma as carteiras dos ricos. porque o lume será cousa de todos, pero os intereses que o acompañan son cousa duns poucos.
pero hai segredos que o monte non sabe gardar. aquí todo o mundo sabe que é o ceo quen envía as chamas en forma de pequenas bombas que botan as avionetas, de land rovers que perden gasolina. que non hai tantos campistas despistados nin barbacoas de domingo. que arde á tardiña porque os hidroavións non poden traballar na escuridade. que son máis os euros que reparten as terras queimadas e moito o silencio que as cubre. que non hai comisións que investiguen nin leis que castiguen a quen fai bo agosto deste agosto. e que estes son, ademais, xente próspera e respetable.
por iso arde a raiba nos peitos. agárrase ao esternón por non ter por onde saír. quixera saír pola boca pero só lle acordan improperios que non ten contra quen botar. porque hai pirómanos que na súa vida prenderon un misto, que queiman con cheques do banco de españa. invisibles coma fantasmas. aos que lle debemos saír na tele cada mediodía. e eu, se vos digo a verdade, xa vou algo farta de que a miña terra sexa sempre noticia lamentable.



