29.11.05

o circo do desalento


a noticia de que as narracións preciosas do sr. diablito están cun pé fóra xa do prelo enche o día de sorrisos. para a semana próxima estará na rúa el circo del desaliento, primeiro album de davidrubín no que se atopan excelentes traballos dun debuxante con alma de verso. o volume publicado por astiberri inclúe onde ninguén pode chegar e varias historias entre inéditas e éditas que fan unha novela gráfica xenial. a feitura é impecable, os padriños un regalo, e os números deste circo teñen máis poesía que moitas bibliotecas.
un libro xenial. véxano cos seus propios ollos.

xurar

volvo xurar:
mecagho nos clis!!! e nas grapas !!!e na letra inglesa e nas fontes de menos de 10 puntos!!!!

que a ghusto queden ;)

28.11.05

nervios e wifi

regresei e parei para ver o mar antes de volver ao val profundo e húmido da cidade de pedra. chamáronme por teléfono, tal vez me den traballo. fago tempo mentres paseo a cidade en busca dun puto bar con wifi onde descargar un adxunto. non quedaramos en que esta era unha cidade europea? onde carllo hai entón un bar onde conectarse? alguén me pode dar unha pista?
de milagro atopei un ciber. púxose a chover con ganas. estou ben nerviosa. o terceiro café da mañá non axuda.

24.11.05

ás presas

a todo gas pola casa detrás das cousas para facer a maleta, típico en min, a señorita ultimahora... para máis co tarde que chego e aínda me poño a colgar un post. vou para a capital do imperio e dábame cousa marchar sen postar en toda a semana. vou ver se a cibeles sigue no sitio e se esa xente sigue sendo tan relambida coma a última vez que os tratei...
trereivos unha postal e unha caixa de mantecados dunha estación de servicio.
pasalo ben

16.11.05

translittera, poesía e inventos

hoxe venres18 que madruga, cando cheguen as sete da tarde, comezan as sesións do translittera na fundación granell de compostela.
agora dámoslle os últimos toques ó invento onde estea un cubata que se quite un soneto, que nos chegou coma unha iluminación a lu e a unha servidora aquela fin de semana que nos pechamos na terra das arañas eléctricas a pensar.

pasen e vexan.unha modernez.

15.11.05

todo chega


con tempo todo chega e arredemo xa está aquí! remozado e vestido de domingo. vino esta mañá, mentres almorzaba e me pasaban varios sucesos paranormais en windows. por iso ando todo o día con esa sensación. de que todo coincide malévolamente coma nunha novela de paul auster. este é o meu post número 100.

10.11.05

sorte de coiote

a conto dun exame que farei nun par de semanas doume por reflexionar sobre a sorte. sobre a sorte en xeral e sobre a miña en particular. doume por pensar niso porque toda a xente que conozo, especialmente a que xa ten carné, insiste en que con que vaia tranquila..., que o resto é cuestion de sorte. e a humanidade diche iso e quedan tan anchos!pero como vou ir tranquila se teño que confiar na miña sorte miserable?! porque eu non sei como é a sorte dos outros, pero a miña non dá para fiarse moito dela....
comecei a pensar que se consideran cuestión de sorte e que a min nunca me pasa, por exemplo:
considérase cousa da sorte que che toque a primitiva. a min nunca me tocou. nin sequera a devolución no cupón dos cegos, nin un reintegro do nadal, nin a cesta da peña do bar de pepe....nada, nin xogando ao bingo de céntimos na casa cantei nunca unha triste liña.

pero iso non é o preocupante. o dramático é que hai unha serie de sorte máis mundanas das que eu tampouco participo: eu nunca teño a sorte de atopar os semáforos en verde, nin sitio para aparcar ( iso que só conduzo 1 hora ao día), nin tampouco teño a sorte de ter que non ter que agardar na parada polo bus, nin de que o ascensor esté no meu piso, nin de que o meu veciño esté cachodo, solteiro e os dous teñamos can ( ben, eu para empezar non teño can, pero podía ter un veciño cachondo!), nin de atopar a miña talla nas rebaixas, nin de meter unha moeda nunha cabina e que me de o especial, e moito menos de chuparlle o wifi ou o canal plus ao do lado -iso é favor divino e non sorte- e tampouco atopo cartos na rúa, máis ben son das que os vai ciscando para que calquera listillo con sorte os atope.

para máis, teño unha especial inclinación a que toda a mecánica que me rodea, especialmente a tecnoloxía, se escaralle. en palabras claras, son unha apagafarolas. e isto non é metáfora, teño testigos de que saio a tirar a basura pola noite e a escuridade vaise facendo ao meu paso.
e o mesmo me pasa tamén co microondas, coa lavadora, co ordenador, co teléfono móbil...

por iso hai xente que sabemos que a sorte ténnola xurada. e os días en que todo vai ben e nada se torce...desconfiamos, porque iso non é o noso. pensamos...vaia, vaia, que sorte tan boa estou tendo hoxe, eh!... algo terrible ten que ocorrer para que as cousas volvan ao seu sitio. e entón é cando te pos nervioso e a cagas con algo. pero si se che ve na cara que tanta sorte non é para ti. ti o que mereces é un piano colgado dunha corda tísica, a dez metros do chan, xusto enriba da túa cabeza. e que newton e os astros fagan o resto.

por todas estas cousas deducín que na configuración do mundo hai dous tipos de usuarios. e que debe ser así para que este siga xirando. coma nos dibuxos animados, o azar distingue entre os que confían na sorte e lles vai de puta madre - que son os correcamiños- e os que teñen á súa sorte continuamente baixo sospeita, que son os coiotes. e descubrín que eu son dese grupo de xente que ten sorte de coiote.

isto é así, tan vez se pode cambiar pero dende logo non se pode disimular. porque o azar non é parvo, leva séculos entre a xente, e sabe con só mirarnos que é o quenos toca. así é a sorte do coiote, como a do país, non da para confiar moito nela. é de marca acme.

postpos: as antípodas de hoxe. por certo viron o home inédito e as ediciós da rotonda? vaian e disfruten ;) caralludos.parabéns xente!

7.11.05

criaturas e estibalizes



acaba de nacer a criatura de estíbaliz. fala de trens, de cosméticos e estrelas, de narciso e narcótico. eu non sei nada de cosméticos, pero gustoume porque inventa palabras. sei moito de trens. iso tamén me gustou. haberá que agardar para ver con que outras estibalizes nos regala.
apertas grandes a ela, que estrea. visítena se queren. estabase arreglando para saír pero aínda a collen na casa.

4.11.05

quen é ese home?

este outono, como é o ano do quixote, eu estou lendo a shakespeare (de agora en diante xespir). a verdade é que lle estou collendo moito gusto. resulta que ao lado de xespir esas traxedias cotidianas que coas que nos amargamos son mimos de monxa. por exemplo; cando un xanta só todos os días e pensa niso parécelle que debe facer unha figura realmente dramática. certo. peor aínda se comes diante da tele, e dende logo terrible se se substitúe a tele pola pantalla do ordenata, iso é fase terminal da miseria existencial.

pero cando les xespir, e ves o que tal lle pasa a hamlet, poñamos por caso, quedache ben claro que o teu non é nada. é que ese home consigue que ata a máis maquiavélica das caseiras resulte teresa de calcuta ao lado de lady macbeth. pero, sobre todo, convénceste de que se volveras nacer, nin de coña che gustaría ser rei, nin princesa, nin infanta, nin nada diso... que debe ser moi difícil e dar moitos disgustos.
de modo que te consolas cos teus zapatos mollados cando agardas o autobús, coa túa entrada de palco solitario para o teatro e o teu paraugas roto, coa túa neveira vacía, o despertador cabrón, e con eses números vermellos que che miran mal cando entras no caixeiro.

consólaste porque pensas que son o tipo de cousas que ao bo de hamlet lle resultarían minucias.

no fondo, seguro que somos uns soberbios. vivimos mellor ca reises, pero non nos decatamos porque non reparamos no duro que é o mundo da monarquía. mira senón para o noso mantido, ter que andar dun país para outro, de regata, ir esquiar ( á súa idade)... non para un momento! e con todo o traballo que debe ter no despacho! ou non era el o que asinba os diplomas da exb? e cantos estudiantes non hai en españa?... hai moitos títulos que firmar para manter a unha familia coma esa, tan procerativa.

vivir de rei nos tempos que corren, non é tan cómodo, agora que queren ser xente normal. porque, por exemplo, eu podo montar un follón nun macdonals e non pasa dunha folla de reclamacións. pero se o rei vai a un macdonals- digamos... un domingo, a merendar con esa recua de netos que ten - pois por moito que a hamburguesa ladre e mova o rabo non pode montar un cristo. de nada lle vale ir de tipo normal! porque a folla de reclamacións convírtese nun conflicto internacional. aí es ná.
así foi como comecei a pensar que esa dicotomía entre ser un tipo normal é ser rei debe amargar moito. para consolo quédalles só que o de hamlet é bastante peor. e acabei botando contas de que tampouco é tan de envidiar a boa vida. e iso xespir debía sabelo hai xa uns siglos.

o único fastidio é que xespir non é ninguén. díxomo o sr. hank. porque xespir saíu en algunha edición de OT? non. estivo algunha vez na casa de guadalix de la sierra? non. estaba na selva dos famosos, en GHVip? nin sequera. salía en crónicas marcianas? non, nin no zaping. saíu algunha vez en noche de fiesta ou nun especial fin de ano? non. no luar? nin no xou dos tonechos...
entón, está claro. xespir non é ninguén. e se non me cren vaian a unha discoteca e pergunten quen é ese home, xa verán como lle responden que é mario cimarro.


postpos: isto foi o que dixen este mércores nas antípodas. por aí ando aínda sen nome - nin canción!- dádelle voltas a rodiña da radio ata chegar ao punto da radiofusión...

1.11.05

con nerea

esta fin de semana a pequena nerea enseñoume o seu libro da vida, algo que lle mandaron facer na clase. é unha libreta na que anota o que fai cada fin de semana. como ten catro anos adícase a facer debuxos e é solita, súa nai, a que escribe.
está moi divertido. é unha especie de protobló.
o domingo pola tarde debuxamos gatos, números 3 e autobuses e recortámolos para pegalos no libro. despois fíxome a min conducindo nun coche verde camiño da miña casa. que modelo será?