31.8.06

os teus ollos nun poema


a mirada do doutor, que fora azul

-así o ceo das infancias, o verán,
o tacto das areas baixo a auga-

tan prendida do horizonte,
sempre sobre as escuras augas de armark,
tomara, en poucos anos
a cor irreparable do fume,esa
das pérdidas inclementes.

tanto,
que alicia non resistía a despedida.

e aprendera
maneiras de sixilo para fósforos e aceiteiras

así como o número exacto de pasos
que levan ao alto da torre

-en tempos coñecida
polo seu prodixioso cristal freshnel-

e alicia coa punta dos dedos
atopa a primeira das tres cordas,
polo seu tacto lene de luz de oliva

-ritual este que aprenedera
dos xestos do seu amante-

e silenciosa
aquela luz de exacto pestanexo
era quen espertaba ao doutor demasiado tarde.
cando xa os ollos tristes do tren
deitan estrelas baixo a ponte.

21.8.06

bálsamo viñetas

como bálsamo fun ao viñetas. juan rulfo levaba días resultándome demasido escuro para o ánimo deste agosto, así que improvisei unha lista de lecturas que me deron a vida.



o que máis me sorprendeu foi la perdida, de jessica abel. foron ela e o seu editor quen me convenceron para que me gastara a pasta que vale a preciosa edición de astiberri, primeira tradución da autora norteamericana ao castelán.
la perdida é o relato dunha rapaza de chicago que chega a méxico movida pola idea de seguir a pista do seu pai mexicano e pola admiración a frida, e das cousas que alí lle pasan. unha historia sobre a relación de carla, a protagonista, con méxico, cos seus compatriotas, e co seu propio país. ao mesmo tempo é un paseo pola cidade de méxico df.
boa lectura para engancharse uns días.



corazón de tormentas, de rubín, un experimento flipante, 24 páxinas en 24 horas. pero tamén unha historia sobre partirse, perderse e dubidar contada como unha travesía con dragóns e illas entre a néboa. tamén estreou a edición galega de onde ninguén pode chegar.




píldoras azules, ademais de un título chulísimo é un relato sinxelo sobre o amor, album de frederik peeters que narra a dunha a modo autobiográfico, o amor dunha parella na que el fai cómics e ela ten sida, igual que o fillo pequeno dela.
moi bonita de ler polo enfoque sobre a realidade do tema e porque ten escenas preciosas, como na que el lle conta porqué a quere.

frederik peeters era outro dos convidados ao viñetas, aínda que desta vez non me fixo falta convencerme para mercar o libro, ao que lle tiña moitas ganas.


de volta en galiza merquei capital, un album de relatos arredor dunha cidade chamada desa maneira. con visións de varios autores galegos a través das historias de distintos personaxes. alfonso vicente rey, álvaro lópez, david rubín, diego blanco, hugo covelo, jandro xesteira, sergio covelo e kike benlloch traballan no asunto.

a todo isto engadinlle outras novidades polacas, como o barsowia8 e o barsowia en llamas, unha antoloxía do fanzine do n1 ao 7. a conclusión foi que abandonei por uns días el llano en llamas. e prestoume.

13.8.06

arde galiza



tres días de lume na costa da morte. caos, incomunicación e morte. imaxes e texto aquí.

11.8.06

para xuntar esforzos




se queres botarlle unha man ao noso monte a través de ardegaliza.info están a organizar un dispositivo de apoio ao voluntariado.
números para loitar contra o lume
Incendios 085
Protección Civil 112
Voluntariado 900400800

10.8.06

o país da conspiración

chama meu pai con voz de pésame e falamos de brens, gures, dumbria, baio, toba, montelouro, brión, compostela....unha lista de nomes interminable que se cravan coma navallas. ao lado das casas, detrás da gasolineira, na baleeira, nos repetidores, ao lado do aeroporto, que están as estradas cortadas....non paran de chegar mensaxes coma esquelas anunciando que ardeu xa este ou aquel lugar onde algunha vez estivemos á sombra das tardes deliciosas. parece unha desas películas americanas nas que todo se conxuga para a fin do mundo. aínda que non creo que do maxín de ningún guionista de hollywood dese saído trama tan cruel.
por moito que colla o coche con ánimo de escapar, facer cen quilómetros en calquera dirección é desolador. deixa a un sen palabras e cunha rabia no peito que arde como arma de fogo. este sentimento xa o tiven unha vez. cando o do barco. daquela, coma hoxe, perdemos todos e se alguén cre que gañou algo é un fillo de puta, un desalmado, un tramposo, alguén non grato para mariademallou, porque hai outras formas máis limpas de xogar para ganar.
así, co ánimo devastado, en quilómetros mordor, vendo fumegar a terra que me pariu, releo o que escribín hai un ano e dous días, cando esta orquesta de atentados era algo impensable. daquela suplicaba aos ceos para que chovera, para que arreciara, para que as nubes chorasen por nós o que non soubemos defender coma humanos. e xa de paso, para que rodasen cabezas no sentido metafórico da expresión.
agora só penso en cabezas ensanguentadas, sen metáforas nin hostias. e como non son quen de escribir nada máis axeitado - porque a rabia me consume e só me saen insultos, enunciados de odio e cousas peores, crueldades impropias ata de min- fago por transformar todo este cabreo enerxía. porque ha de facer falta muita para saír desta.
que difícil é ser cidadán así... sempre cabreado

8.8.06

para esta noite




as maribolheras precarias organizan esta noite unha festa no alfaiate para como contraprogramación aos eventos festivos da cidade da torre. a partir das des podedes pasar a botarlle un ollo a exposición de fotos da marcha queer-precaria do día do orgullo, ver os audiovisuais, escoitar pinchar aos automatiques e aínda prometen algunha sorpresiña!
que envexa...rabeo por ir!!!!!

5.8.06

aburrirse

ás veces vilainferno é o lugar máis aburrido do mundo. para máis o único local onde se podían ver algúns concertos de vez en cando, o gueto, acabáronselle os directos por obra e gracia do concello e sabe deus que leis que rixen o existir aburrido deste recuncho. iso sumado a que non hai onde meterse polas noites acaba con calquera ánimo.así que, por enredar,poñemonos a buscar cousas parvas en internet.
hoxe rescatamos unha xoia que nos caeu na rede hai un par de semanas. por se vos tamén padecedes o virus do tedio aquí queda un canto ao toxo que atopamos na páxina da marina. audio e letra non teñen desperdicio. grandes risas. queremos que veña a marina a cantar este temazo nas festas da xunqueira ;)
a imaxe é de manis