25.1.07

o medo


cando o medo aniña no peito do cabaleiro a raíña advírteo, mesmo agardando a longas xornadas de viaxe, no seu retiro de pedra. de súpeto o tempo vira, pesa de treboada que se contén. ela sabe, son as aves. saen das entrañas da pedra sombriza. atravesan as carballeiras antigas en exército e chían con acentos húmidos que escurecen a tarde ao seu paso. buscan a figura amarga do rei que perde a vista dende o alto da torre da garda. a dama Gwenhwyfar sábeo ben. son as aves. en constante círculo rodean a alta torre e agora calan. e o voar das súas ás abaten ao monarca, que en loucura, presinte as súas poutas afiadas. ela no seu claustro tamén ve as sombras dos paxaros que agora o cercan. e que rosman con voces velenosas enfermizas palabras repetidas.
os nosos corazóns escravos, os nosos corazóns escravos.
a dama sabe que nin todos os homes fieis do rei poderían nada contra as aves que o van arrastrando en rabia crecente ata que a fin empuña á súa espada e atravesa un dos bechos nun golpe brutal.
entón a banda toda silencia o seu arrolo ao instante. baixan o voo e pousan o seu xesto de loito no prado. ollan ao rei e a torre que o garda con firmeza. e a penas se moven inquedas, porque a fermosa Gwenhwyfar sente deter o seu alento nun fío que lle atravesase lento. o rei por fin comprende. e os ollos énchenselle de auga . pois nas entrañas da ave que tomara e abrira con sabia precisión de vinganza, atopa o pequeno corazón ferido de quen un día o acompañara.


postpost: o texto foi escrito sobre a ilustración de rubín e formará parte da exposición coordinada pola agpi que ten como tema común o medo. se queredes saber o porqué deste paxaro destripado que dou para esa pequena historia- homenaxe ferriniano, por se non o notarades ;)- pasade polas tripas do señor diablito para descubrilo.

4 comentarios:

Danny Raatzke dijo...

Bo texto, "o medo" xa me pasei pola páxina de Rubín, bo debuxante porcerto, agora que o penso creo que colaborou contigo no libro----->Berlín- coma Suso. Gustariame saber a data e o lugar de esta exposición, se me podes facilitar esta informacion agradeceriacho moito.
Unha aperta :)

mariademallou dijo...

ola meu, perdona que non che contestase o meil...estou en furor de exames e foiseme a pinza ;) a expo aínda non sei cando nin onde, pero en canto o saiba direicho.

From Hell dijo...

a min o único que me da medo é todo aquelo que non me asusta...

Danny Raatzke dijo...

Grazas, e non t preocupes n pasa nada :)