13.7.07

desvelos

ábrenseme os ollos as seis e media da mañá. na cama, dou un par de xiros infructuosos, tan só serven para que as sabas se enrolen apretándome os cadrís, e decido erguerme para algo de máis proveito. tomo o último vaso de leite que se lle pode sacar ao cartón. con colacao. non hai café. atopo unha madalena milenaria no fondo do moble. faltan tres horas para que abra o supermercado. almorzo. fumo un pitillo. despois recollo a mesa e valoro a posibilidade de volver á cama. os paxaros xa cantan á beira do río.
en vez de ir á cama vou ao google. busco itinerario a piloño, vila de cruces. recorro o camiño co dedo índice sobre a pantalla. asegúrome de entendelo. fago por recordar algún dato útil sobre a localización do lugar das outras viaxes que fixen ata alí. imposible. teño a sensación de que fun teletransportada. deixo iso e fago a maleta. meto dentro un regalo para celsiño. abro a porta do patio e saio para ver o espectáculo de erguerse o día sobre a terra dos arañóns. déitome no sofá. imposible durmir. escoito a auga da piscina burbullar.

fumo outro pitillo. ábreseme a boca. esta é a miña, volvo para a cama, penso. pero alí o sol xa recorta a mañá sobre o cuarto e apunta directamente aos meus ollos. érgome e pecho as cortinas. volvome deitar. poño a cabeza debaixo da almofada. aínda así, escoito o ventilador do ordenador dende o cuarto do lado. dóeme pero érgome e vouno apagar. windows aínda instala un par de actualizacións, péchase cando xa a man se estiraba para coller outro pitillo que non hai.

por fin volvo á cama. pecho os ollos e concéntrome nalgo que estaba soñando antes do desvelo inicial ou algo que me gustaría soñar. empezo a coller o sono e déixome ir. hai unha casa cun xardín soleado polo que paseamos, un home de barba branca agárdanos debaixo dunha figueira. ao seu lado un gato adormece panza arriba. cantan os paxariños coma nas películas. cando nos estamos achegando a el o gato érguese e comeza a ladrar coma o can da veciña de abaixo. o home parece que nos quere falar, pero o gato non para de ladrar e non escoito nada máis que o ladrar do gato enchéndoo todo. o tipo saca un teléfono móbil. esténdeo cara min. dime: colle é para ti. o teléfono aínda non soa nin nada pero eu cólloo igualmente e achégoo á orella. cando o fago comeza a pitar. un son estridente e malhumorado. non sei como se para. esperto. apago con torpeza a alarma do móbil. maldigo. vou á cociña coma un zombi e poño auga a quentar. chegas pouco despois e espreguízaste feliz. preguntas que tal durmín. non hai café. acabouse o leite. e as madalenas.
abrazámonos. saimos ao patio nese abrazo.

o can da veciña, xa calado, cruza o xardín correndo e bótase á piscina.

bo día.

:)

12 comentarios:

bandini dijo...

bo día

ghanito dijo...

Ogalla todos os desvelos sexan literais e mais nada. Sempre poderemos botar unha soneca á tarde para arranxalo se non se deben ós problemas :-)

Que durmas ben.

Ex Traño dijo...

o insomnio so nos abandoa cando xa non ten solución y o tempo de durmir, xa vai ala...
asi que noite en branco y bo dia, a noitiña..... xa veras que janas de colle-la . bicos

Iria dijo...

Ola María, pasaraste polo meu blog. Alguén quere saudarte.
Apertas.

TXARI dijo...

hai piores formas de espertar...

Goio dijo...

La pesadilla de un domingo, pero en viernes.

Yo es que soy muy practico...

Mr Tichborne dijo...

o peor de todo, que se rematase o café.
Bo día!

torredebabel dijo...

bo dia! se tivera o teu virtuosismo para narrar desvelos, se cadra xa tiña tantos folios como Na Procura do Tempo Perdido.

O procurador de sonhos dijo...

vaia vaia

A pirámide dijo...

Na Pirámide tamén temos soños raros. Menudos dentes ten a lei de procedemento administrativo.
Bo día!

Gustamos moito da nova cabeceira. Parabéns.

dorvisou dijo...

ás veces quero sentir como chega o sono, percibir ese intre no que deixamos de ser contribuientes de facenda para convertirnos en súbditos de Morfeo e o final...
E falando de durmir...ata mañan.

Anónimo dijo...

si forades traballar menos mal que os outros levantamos o país