
atopámonos nun negocio. el ía mercar nonseiquedixo e eu andaba por alí botando un ollo. dende o colexio que non nos viamos, díxome, xa choveu, xa. pois si. e en vilainferno con máis ansia que noutros lados, pensei eu . contoume a que se dedicara nos últimos anos ( algo que eu nunca soñara para el porque cando eu o coñecín el quería ser astronauta ou futbolista) , por onde andivera, que atopara un bo traballo que lle permitía pagar descansado as hipotecas, sinaloume onde vivía, porque era moi pretiño de alí, que porqué non pasaba a visitalos un día e só lle faltou sacar a foto da muller da carteira. despois dun anaco de amable conversa preguntoume que tal estaba eu, ao que respondían que bastante agripallada, e a que me dedicaba.
...
quedei en branco. como aquel día que fun pedir o paro e me preguntaron exactamente o mesmo.
(naquel momento ía responderlle á funcionaria que a nada, do contrario non iría solicitar o paro, pero ao final contestei calquera outra cousa aínda que fose mentira)
mirei para aquel tipo que antes fora neno e que había tantos anos que non vía, tentando imaxinar como lle quedaría agora un daqueles mandilóns de raias azuis que nos poñían de críos para as aulas de pretenolóxicas. pero non daba imaxinado tal cousa nin querendo. os anos caéronme enriba de súpeto, coma caen os pianos dos debuxos animados sobre os desafortunados. contestei o primeiro que me ven á boca, co recordo da inquisitoria mirada da muller do inem daqueloutra ocasión pousada sobre min.
...pois.... leo moito, vou gañando a vida, escribo, aprendo, amo e estraño, amo e son feliz, ás veces non son nada feliz, ás veces coma hoxe estou enferma e aínda así sorrío, vou de excursión, leo poemas en alto e se che digo a verdade nin sequera sei cantos anos hai que cotizar para que che pasen unha pensión. e... e nada máis. e ti onde traballas logo?
na delegación de facenda. díxome . bah! éche un choio coma outro. apostillou sen moita ansia.
e logo non che gustaría máis ser astronauta? ía preguntar eu ao velo tan triste.
pero parceume de mal gusto.