29.3.07

así, así, así! ... vai o mmmmmúsicas

pois si, señoras e señores, resulta que o harvey e unha servidora non son as únicas mentes ardosas da blogoesfera galaica e a proposta de elaborar unha lista de cancións luxuriosas, tamén denominadas temas de ERDF na área de influencia coruñesa, vai vento en popa. tanto, que xa son varios blogueiros os que se animaron a abrirnos o seu corazonciño ( aínda que a expresión non é a máis axustada ao caso ;) e escribiron sobre o asunto. aí vai unha pequena lista dalgúns deles, por se queren ampliar a súa discografía :

ghanito en apocalipse do porco recolle o convite e márcase unha lista de clásicos como marvin gaye ou prince.

fodendo, dende o fodemillo, lembra cinco encontros sexuais con banda sonora. non ten desperdicio.

gaudeatrix, que xa tratara o asunto en outras ocasións, apunta un novo tema.

a besbellinha, con beliscos pequenos, fai unha lista na que destacamos sen dúbida ese who's your daddy de benni benassi...mmmmm ssssssi

dende retropower fan unha lista en tres entregas de reminiscencias discotequeiras.

as escollas de prosciutto mourente, con esa sinead o'connor a media voz, tamén son das sabrosas.

cccp tamén recolle o convite, pero elabora unha lista de discos, por se hai que aguantar toda a noite. vese que o dos tres minutos de canción se lle fixo pouco ;)

no círculo de confussao propoñen unha seleción de grandes temas do metaaaaal! con algunha sorpresa máis tranquiliña.

a raíña vermella, fitando dende o outro lado do espello, repite marvin gaye e destaca un temazo de placebo.

a rapaza do arco, cravando miradas coma frechas, fai unha seleción para polvos tranquilos á que engade a tool dándoo todo. inclúe penitencia ;)

cambote, o cadelo de paulov, estrea os ritmos latinos da lista co seu destaque e rescata do esquezo, inmerecido só por este tema, a tino casal!!!

o moucho branco, dende o seu niño, recomenda música tanto para foder como para pelar patacas, aínda que eu lle atopo máis pracer ao primeiro, e a súa lista non deix alugar a dúbidas: su rollo también es el rock.

a brunhaven, dende o seu fotolog saíulle a vea romántica e aínda así acordouse de pink floyd ;)

e así é como vai a cousa polo de agora. e aínda quedna convites por contestar. desculpas grandes se alguén que tiña que estar non está nesta lista. o océano blogueiro é grande e non sempre se navega todo.

e dirán vostedes... de que vale todo isto? pois non hai probas científicas para dicir que vaia aumentar o quecemento global do planeta, así que malo non é. é divertido e axuda a estreitar lazos como ben apuntou mourente. ademais a idea dou de si unha nova sección para o e-music na que poderán escoitaros seus temas e outros, sempre e cando sexamos capaces de facelos cadrar na etiqueta de música electrónica. empezamos o martes.

28.3.07

o home tres veces édito


carlos meixide, máis coñecido entre nós como o home inédito, xa non é tanto. despois dun éxito de descargas comparable ao dos videos de shakira, a que fora a primeira novela galega publicada en rede sae ás librerías en cómodo e transportable formato de libro de toda a vida . o alumbramento foi posible gracias a un acordo entre a virtual e virtuosa ediciós da rotonda e a editora rinoceronte, que chegaron á conclusión de que compartir é vivir para conservar a licenza de creative commons da obra.
podedes ademais ver ao autor en pleno furor promocional pasearse pola piazza da rotonda e outros lugares de igual encanto nun publireportaxe que saciará todas as curiosidades que tiñades sobre a súa persona.
e para abrir boca e que vos animedes con esta 'mestura entre sexo en nova york e no ventre do silencio' , un dos meus diálogos preferidos, real e diglósico como a vida mesma :

- rramon
-dime, amigo lucash
- que tal vash?
- como o carrallo
- eu tamén.
- eshtou moi, moi, moi borracho.
- eu eshtou moito máis borracho ca ti.
- non lucash non. eshtoy yo mucho másh que tú. mira coño, shi hashta hablo cashtellano shin darme cuenta de lo borracho que eshtoy!

;)

27.3.07

mmmmusicas

en conversa de meil ocioso con harvey, alumbrada á luz do milagre do you tube, disfrutamos dunha velada musical que pasou por fases propias de calquera bipolar que se precie. intercambiamos cancións desas que pos antes de saír de marcha para ir con bo corpo, desas outras que che afunden no sofá e non che deixan erguer cabeza, das que pos cando limpas o baño e cantas amarrado ao pau da fregona e desas que non sabes que teñen pero que che sentan como a dose xusta de auga a unha aspirina efervescente. vaia, o que denominamos en lingua vulgar como cancións pra foder. aínda que no momento práctico nunca che acorde de acender o reproductor ou non deas atopado o cedé entre a morea de trastes que ocupa o teu cuarto. e , a verdade, tanto che ten.

pero pareceunos tan pavero o desvarío que fixemos unha lista. e quedou tan resultona que decidimos compartila co mundo por se hai quen lle saiba dar bo uso ;)

esta é a miña parte :

gloria, na versión de the doors



o tema na interpretación dos doors e por boca de morrison acelera pulsos ata facelos berrar. apareceu na lista porque foi canción da miña adolescencia e sempre lle gardei paixón. e , malia que sei que sonará a topico tremendo, a min este tipo cántame o himno de pondal e tería efecto semellante.


i put a spell on you en versión de marylin manson

auténtico frenesí posesivo, imposible non sucumbir a ese subir e aguantar que manson rompe a berros antes de que entre a guitarra. glorioso subidón.

a forest, the cure

para ligar en discotecas e facer quilómetros detrás da lúa. ideal para coches e nocturnidade, aínda que pode non pasar de toqueteo.

oh la la, de goldfrapp

descubrimento enorme! promete polvo de sorriso imbécil que dura días. ela tan sensual co seu oh la la mentres a música che vai levando as cadeiras... mmmm. é a tal para restregarse.

piggy de nine inch nails

ver a trent restorcerse empapado mentres fai esbarar frases antes de que a a melodía levante é só superable pola versión segunda deste tema -non a atopei- que se enrosca nun e non o solta ata o éxtase. algo enfermizo, si. pero ingualable.


26.3.07

durmir soñar contar


náceme unha moa do xuízo. a moa en si non me doe moito. dóenme todos os dentes de arredor como se mos quixeran arrancar e abrirme a mandíbula. especialmente de noite. non descanso moito. conciliar o sono é tamén difícil. mesmo volvín a escribir poemas escuros e destructivos.

creo que a dor me incapacita ademais para soñar. cando menos para ter a conciencia de ter soñado. non recordo ningún soño dende hai días. o único que me queda cando esperto polas mañáns é unha enorme tensión e leve dor de oídos.

gustaríame que un soño me visitase, por pequeno que fora, porque iso sería tal vez sinónimo de descanso. e podería contalo nesta almofada, onde o señor harvey xa se animou cun pesadelo.

22.3.07

na puta vida



así de claro o tiñan en barcelona cando saíron á rúa no mes de setembro do pasado ano. e bastante claro o teñen tamén pola ben vendida cidade da torre, especialmente no barrio de montealto ao que lle quedan poucos días de encanto. precisamente é por iso polo que este sábado hai convocado un roteiro que sairá do campo da leña ás 19:30. a idea, saír á rúa para manifestarse en contra da especulación inmobiliaria que, como saben, é epidemia mortal deste noso paisiño.
se non o cren, ou lle queda aínda algunha dúbida, fagan a estrada que une esta punta atlántica coa cidade de pedra e paren a retratarse diante dos enormes carteis que rezan : compramos terrenos. pagamos bien. e non se preocupen se se lles pasa o primeiro, porque os hai a centos e non só aí.
un amigo residente na cidade condal comentábame na última visita que tiñan que poñer unha fianza de 4000 euros para seguir no piso. flipei. díxenlle, o meu coche - a máis cara das miñas posesións- vale catro veces menos que a túa fianza. por aquí as cousas aínda non son así, pero... non se apuren, todo se andará. imos polo camiño bo.
e mentres tanto aforren. ou recen. porque é moi posible que aquel paraxe incomparable que tanto lles gustaba ou aquela leiriña que pensaban herdar, ou esa vivenda con encanto que lles saía tan económica se convirtan por azar municipal en aquelas casitas del barrio alto todas hechas con resipol que cantaba victor jara.
agarde, non se emocione se é dos que adora as reixas e os antexardíns. porque seguramente non lle suban o soldo tampouco este ano e é moi posible que non chegue a xuntar para o notario antes de que o prexubilen.

así as cousas. mentres as grúas desmontan a paisaxe poden mudarse a esta casa. ou vir a patalexar este sábado tarde.
;)
eu, non se molesten, prefiro a segunda opción.

21.3.07

credo

Creo en Pablo Picasso,Todopoderoso,Creador del Cielo y de la Tierra;
creo en Charlie Chaplin, hijo de las violetas y de los ratones,
que fué crucificado, muerto y sepultado por el tiempo ,
pero que cada día resucita en el corazón de los hombres,
creo en el amor y en el arte como vías hacia el disfrute de la vida perdurable,
creo en el amolador que vive de fabricar estrellas de oro con su rueda maravillosa,
creo en la cualidad aérea del ser humano,
configurada en el recuerdo de Isadora Duncan abatíendose
como una purísima paloma herida bajo el cielo del mediterráneo;
creo en las monedas de chocolate que atesoro secretamente
debajo de la almohada de mi niñez;
creo en la fábula de Orfeo, creo en el sortilegio de la música,
yo que en las horas de mi angustia ví al conjuro de la Pavana de Fauré,
salir liberada y radiante de la dulce Eurídice del infierno de mi alma,
creo en Rainer María Rilken héroe de la lucha del hombre por la belleza,
que sacrificó su vida por el acto de cortar una rosa para una mujer,
creo en las flores que brotaron del cadaver adolescente de Ofelia,
creo en el llanto silencioso de Aquiles frente al mar;
creo en un barco esbelto y distantísimo
que salió hace un siglo al encuentro de la aurora;
su capitán Lord Byron, al cinto la espada de los arcángeles,
junto a sus cienes un resplandor de estrellas,
creo en el perro de Ulises,
en el gato risueño de Alicia en el país de las maravillas,
en el loro de Robinson Crusoe,
creo en los ratoncitos que tiraron del coche de la Cenicienta,
el beralfiro el caballo de Rolando,
y en las abejas que laboran en su colmena dentro del corazón de Martín Tinajero,
creo en la amistad como el invento más bello del hombre,
creo en los poderes creadores del pueblo,
creo en la poesía y en fín,
creo en mí mismo, puesto que sé que alguien me ama..


e eu creo en aquiles nazoa, artífice de tales palabras. e no gran amigo que me descubriu este poema.

é que hoxe é un deses días. mentres escribo, chegou ademais a primavera.

;)

19.3.07

e-resaca



a e-festa foi un evento memorable! coñecer e recoñecer ( teño un lío de caras na cabeza...) a un montón de blogueiros, ver ao colectivo oruga en directo (molan), e durmir de pé como reza o dito popular. todo un festón. a verdade é que o pasei tan ben no 14 aquela noite de 16 que me dou moita lástima que as fotos que saquei eu estiveran todas movidas e desenfocadas ;)
hehe
cosas del directo.

14.3.07

estes son os meus coleghas e isto é o que saben faser...


hai xa tempo que veño pensando en montar un apartado no blog que se chame abertamente así, sen ocultacións de ningún tipo, porque para isto tamén debe servir a ferramenta, especialmente se un non ten nada que contar ;)

divagacións á marxe, prepárense para ver ao ghran titiriteiro alakran dando un concertazo de serrucho acompañando a death in vegas.

o serrucho, non é cachondeo, ven de estados unidos afinado e todo, porque seica non vale un calquera para lle sacar as notas e os do país deben estar noutra tonalidade. polo demais, e eu estou de testigo, non é nada sinxelo facer o trebello sonar decentemente. compadézanse entón dos que vivimos os primeiros meses de prácticas musicais e calculen que a destreza do intérprete é grande e o seu empeño autodidacta maior.

pois iso. que estes son os meus coleghas....
;)

12.3.07

e-festa

estades todos convidados a tal celebración, que as xentes do programa e-music prepararon paracongratularse da exitencia das ondas herzianas e a tecnoloxía en xeral ;)
se queredes un adianto da festa podedes escoitarnos esta tarde na cuac fm de xeito tradicional ou na rede ao modo moderno.
e se queredes que nos vexamos as caras, xa sabedes, o venres 16 no 14.
(16 o día, 14 o garito.... vaia lío)
;)

5.3.07

a muller do cadro



a muller do cadro honraba todas as tardes o seu café das cinco, puntualmente ás cinco, porque a verdade, a ela nunca lle gustara o té pero sempre fora muller de costumes e ríxida en horarios. nin sequera sendo moza, estando enferma ou viaxando do brazo do seu xa finado compañeiro, que fora home de marina, recordaba ter pasado un só día sen tan pequeno pracer. e con todas as cousas que a muller vivira -tempos malos, outros mellores e algún digno de esquecer no fondo da memoria- con todo, en ningún deses momentos faltara un só día á cita estimulante e amarga do pocillo. ela sempre soubera apañarse para xuntar uns poucos gramos que fervía repetidas veces con tino de alquimista e ollo farmacéutico. e cada tarde, ás cinco, exacta e puntualmente ás cinco, a muller do cadro iniciaba a súa particular cerimonia. sempre en silenzo inmenso que detía as estancias.

porque ese era un dos principais requisitos para a perfecta comunión coa tal substancia. esa mínima intimidade outorgada pola fumegante cunca servíalle para escoitar os seus propios pensamentos resoando entre orella e orella.

e tal constancia reflexiva, pensaba a muller do cadro, era a razón última da súa saúde de ferro e do seu ánimo pétreo. e tamén da súa, por que non dicilo, lonxeva e dourada idade.

sen embargo unha tarde, a súa hora xusta e puntual, cando a muller do cadro se dispoñía a verter un copiño de leite sobre o seu escuro néctar, un home de aspecto desaliñado parou á súa fronte nun café, nese café do que ela era cliente da máis queridas. e con soberana desvergoña, propia seguramente da xuventude, como ben matinou a muller do cadro, aquel insolente comezou a riscar no seu caderno liñas e borróns que a cada paso a buscaban coa vista para levala á páxina .
e nin unha palabra lle dixo, nin ningún outro ruído se escoitaba en toda a sala salvo aquel pequeno riscar de grafito que se entremetera entre a muller do cadro e a súa cunquiña sanadora.
e por primeira vez a muller, seria e firme como era, foi incapaz de disfrutar do seu café.

por primeira vez pensou que a súa existencia silenciosa e apracible estaba sendo perturbada.

e máis aínda. por primeira vez a muller sentiu unha curiosidade inmensa. algo que a desconcentraba completamente. e por moito que intentaba volver á súa cunca, por moito que porfiaba por deixarse levar polo aroma cálido que manaba dela, en fin, por moito que trataba de seguir ao seu ... non foi quen.

así é que se ergueu, algo irritada, para que ocultalo, coa intención de preguntar a aquel mozo que era o que o facía crer que ela desexaba ser retratada. e especialmente quería preguntarlle, sen ánimo de agardar resposta, quen se cría el que era para deter, co seu inoportuno acto, tan enorme gozo. un dos poucos, por certo, que a esta altura a vida lle regalaba.
e xa estaba disposta a espetar o seu amargo xenio en plenos fuciños imberbes cando puido ver, aínda sen terse achegado de todo ao mozo ensimesmado, que a imaxe retratada a lápis era a dunha muller de xesto rexo e solitario, que en nada se semellaba á idea de pracer que nalgún tempo o seu paladar recoñera.

e foi desta maneira que a muller do cadro calou todo canto tiña na punta da lingua e volveu ao seu asento decepcionada.

e alí, rompeu a chorar amargamente. lamentaba todos e cada un dos minutos estragados tras o pálido veo de fume que ascendía ata enturbarlle a mirada.