29.4.07

libros e outras feiras

anoitece e en dourada estancia, ángel gonzález silencia a cidade coa súa voz en verso armada.
na cociña os chícharos bailan sobre a auga.
e eu percorro o libro. con ambas mans e en todos sitios me deteño poema a poema.
adoro os libros
todos os días do ano bendigo a johann gutenber

e ler poesía en alto.


a cea está case.
ángel está en letra para cantar en domingo.

25.4.07

recuncar sur


conducirei para ir ver aos oruga ao sur e alegrarse en rúa de xasmíns. pero mentres tal día non chega celebro o aniversario dos cravos e aínda máis. hoxe recordei que por estas datas saían do prelo os primeiros versos desta man, cando menos iso poñía na última folla do libro de cal. con eles e cos versos cativos e fermosos de celso fernandez sanmartín, enorme poeta de terra de interior, empezaba a andar aquela aventura de libros pequenos. a datalembrouma hai anos eduestévez, nun xantar na súa casa aínda compostelana e ínfima, onde me regalou o último exemplar que tiñamos localizado.
acórdome como se fora hoxe do que xantamos aquel día edu.
sen embargo nonteño nin idea de en que estaba pensando cando escribía aquelo que agora parece tan lonxe e tan de outra.
é incríble a memoria dos humanos... incríble.

24.4.07

a chamada das mareas

amiguiños e amiguiñas,
hai un par de días, dando un fermoso paseo pola beira do riazor coruñés, o meu teléfono móbil non puido resistir a tentación do baño e botouse en grácil salto ao atlántico, onde agora durme. así que se me chamades seguramente non vos colla ninguén porque os chocos e as nécoras creo que aínda non saben manexar a tecnoloxía telefónica. ademais estaba case sen batería e no fondo do mar seica non hai enchufes por cuestións de seguridade.

o peor do asunto é que con esta aventura perdín os contactos dun montón de xente á que acostumo felicitar por nadal e esas cousas para as que os móbiles serven. se eres un deses e aínda non che chegou un chisposo meil no que explico todo esto, ou se simplemente queres que che felicite o 2008 cando chegue o momento, ou consideras que non podo vivir sen ter o teu contacto, podes escribirme a casatlantica@yahoo.es.

mentres tanto disfrutarei do adolescente pracer de baixar chamar ás cabinas e pasar a timbrar ás vosas casa a ver se andades por alí.

17.4.07

mdm poetic tour

coa lectura de redondela da semana da marmota quedou inaugurado o mdm poetic tour!! así que preparo maletas e versos e envío correos a toda esa xente amiga que anda desperdigada polo mundo e á que teño tantas ganas de ver.
a próxima cita é este mércores na casa de gz de madrí. os que por alá andades, se me queredes sacar a dar unha volta ou simplemente vir a saudar presentádevos ás 20:00 horas no ciclo estacións poéticas onde lemos miro villar, xavier frías e unha servidora.
e para que quededes todos avisados aquí vos deixo datas e lugares:

madrid 18 de abril
coruña, casa de pardo bazán, 23 de abril
coimbra 4 de maiol
lugo 10 de maio
salamanca 14, 15,16 de maio
e finalmente...
berlín!!! 29 de maio ( acompañada de sarijess e lualdao) !


eu, como o amigo nazoa, afirmo que a amizade é o invento máis grande do home e que creo na poesía e en min mesma porque sei que alguén me ama. e nada máis. voume poñer coa maleta. que tempo fai por madrí?
;)

16.4.07

aniversar en sur tres: vigo

é certo. josele non minte, en bouzas non amence. e se o fai, eu non o vin ;)
a noite do sur agarda por nós con cañas fronte ao mar e trasnadas desas que non facía dende que era nena. divertidísimo. con un montón de risas que a parela igmig e o seu representante :) non paran de ofrecernos. recelebro república e alégrome de que o día da marmota nos persiga. aínda que a esa altura xa o convertimos en semana oficial da marmota e musicámola co pasodobre de soutullo. así que deixamos que as horas pasen e nos sorprendan. o mellor plan para celebrar calquera cousa é ese. tardei tres días chegar a esa conclusión.

e para domingo, delicia. levalo con calma e almorzar en terraza soleada. sorrir. chamar a mamá para quedar a cear. sorrir grande. conducir de volta co sol no retrovisor deslizándose dourado. parar no cemiterio de padrón a merendar, saúdar aos grupo de moteiros que nos adiantan en milladoiro, chegar á casa de sara e tomar un té. conducir de novo baixo a pálida luz da noite.

abrazar forte a mamá. chamar a papá.

gracias por todo.

;)

aniversar en sur dous: ponteareas


aínda en venres ponteareas recíbenos con kikoneves en taberna. preparadas para caer na noite local, que se mita bastante á noite de calquera outro lugar neboento, agardamos a chegada do nenouruga e rocío, que nos acollen cun sorriso sincero capaz de sandar todos os males do mundo. e así de súpeto o aniversario chegou, sen avisar, coa primeira felicitación dende roma (esmuack!) abríndolle paso ao tono de nokia que non parou ata ben pasado o día e a romería. a todos os que me escribístedes, mil gracias ;)
os versos de kiko lévanos de garito en garito. a penas hai luz e lemos pola rúa. coñezo o salón parroquial e algún outro sitio de nome xa difuso e o pantalón éncheseme de serpentinas. entón sara cóntalle a todo o mundo que é porque me caso en domingo, cousa que eu, evidentemente, afirmo ;) e así alongamos a noite ata o sofá e as conversas que abren a mañán. sara e eu metémonos na cama entre risas e canarios que cantan o almorzo dos seus carceleiros e espertamos tarde, felices e agradecidas.
en sábado de república, para maior regalo, saímos a xantar á beira do río. levo o disco dos oruga no bolso escrito da súa man ( regalazo!) mentres imos de excursión e tomamos café nas terrazas improvisadas. alí preséntanme ao sensato entre os sensatos, sempre coa súa libreta baixo o brazo, agardando polos versos que veñan. dime: a esquizofrenia é bonita, pero ás veces váiseche a cabeza. encántame. creo firmemente no que di. é un xenio.
alongamos a despedida porque é un gustazo de día, pero pouco antes da tarde caer entramos no forito. o sorriso grande que teño non hai quen mo saque.
e aínda medrar. porque antes de seguir andando decidimos parar en vigo a visitar á parella igmig. agardan por nós en bouzas.
era a primeira vez que eu ía a aquel lugar, que só coñecía pola canción dos enemigos.

mentres cruzamos pola autopista teño a sensación de que empeza o día da marmota. pensaba dicirlle a sara: non chegamos á coruña esta noite, iso estouno vendo eu...
pero calei ;)

aniversar en sur un : redondela

días sen apuros e sol morno lambendo os brazos ata chegar á punta dos dedos e eu aparco o meu forito á entrada da biblioteca de redondela. acompáñame sarajess en venres. así comeza o regalo de aniversario que o mundo me fixo ;)

esa tarde recito para o clube de lectura que cada semana xunta aos nenos de redondela. leo casa porque había tempo que non o facía e parte de berlín. fago cousas que nunca fago, como explicar a orixe dos poemas. despois xogamos. para que vexan que todo é susceptible de ser poesía facemos varios cadáveres e eles saen a ler o resultado. botan unhas risas mentres eu recorto versos dunha improvisada antoloxía das letras patrias. regalo un verso a cada asistente e facemos un poema entre todos, tentando darlle sentido aos versos que temos nas man. o resultado é impresionante e todos berramos a coro o inicio do poema:

apenas digo nada
apenas digo nada
apenas digo nada
e coma un río interno me asolaga,
enviándome unha húmida mensaxe.

pero non hai ninguén para escoitarme.

mariñeiros de amberes
reclamo a liberdade pra o meu pobo!

e ninguén os mandou nin os acode.

lingua proletaria do meu pobo,
quixera bañar
a luz clara e vibrante da miña xuventude
por diante do lugar no que eu repouse
para abranguer a vergonza do mundo.

tras dun amor, outro amor
como deter, decide, esta delicia?
prohíbese por orde da alcaldía
algunha palabra.

entón era o silencio o meu mellor amigo
e horizonte, mal porteiro.

cuspídeme enriba cando pasedes.

nos crepúsculos de anís,
sombra.

despedímonos en sorriso. sarajess e eu saímos cara ponteareas. a noite xa cae na estrada e damos varias voltas escoitando o regalo de mig. faltan poucas horas para o aniversario.

11.4.07

sábado de gloria

e foi o sábado cando os poetas chegaron a corme para recitar na lonxa unha hora máis tarde do sinalado. e xuntáronse no lugar unhas poucas persoas, entre elas escollido público, que escoitaron os versos de estradas de suso bahamonde, acompañado na guitarra por gonzalo, lucía aldao, os irmáns creus, paco souto, o convidado alemán christoph werthmann e unha servidora. e si, foi todo algo raro, cos creus sen camisola e os músicos acompañando o recitado con ruído de vasoiras, pero bonito. e para máis señas , e para os incrédulos, en breve haberá videos á súa disposición.

o domingo, xa saben, foi de resurreción e realmente un milagre. despois chegou a semana e o martes levounos ata o teatro. factoría estreou musical e poden velo aínda esta semana.
pero iso, xa é cousa doutro evanxeo.

amén.

9.4.07

venres de paixón

carta da apóstola de mallou aos seus discípulos.

queridos discípulos, pídeme o corpo penitencia de descansos e confesión sen arrepentimentos do acontecido en venres de paixón e sábado de gloria en corme, ao abrigo do xarabal do roncudo, a onde chegaron os seguidores da boa nova das ramboias periféricas para celebrar o milagre da improvisación, camiño certeiro para alcanzar a madrugada eterna. deste modo chegaron en venres ao lugar indicado, para máis señas o bar de lao, e alí atopáronse con xurxo, mig e nacho que viñan das terras de alg-a.
e era corme un lugar onde por esas datas se celebraban desfiles nas rúas e un home saía cargando unha gran cruz para burla e escarnio dos que ao seu paso se xuntaban. E en canto esta insulsa representación teatral rematou, comezaron os de alg-a a enchufar cables e afinar os seus instrumentos. e xa todos os presentes estaban inquedos e escoitábase un ruxe ruxe nervioso no garito, cando mig abreu a noite con imaxes de explosións nucleares que seguían como ovellas a pastor os acordes que sacaba da súa guitarra, todo por obra e gracia dun software da súa creación que fixo as delicias dos máis friquis dos lugar entre os cales se atopa quen vos fala.
unha vez rematado isto, os tres músicos comezaron a tocar con intención de non parar en varias horas. e así foi. nacho ao piano, xurxo á percusión e mig á guitarra e as proxeccións e así estiveron un bo anaco regalándonos musiquiña ata que entre os presentes comezou a arder a chama do eutamenquerosaírafaceralgo e os espontáneos comezaron a desfilar por diante do micro. e apareceron recitadores, cantantes e outros artistas da oratoria. e tal foi así que mesmo unha zanfona se uniu ao concerto e soaron cousas que deixaron a todos sen alento e con ganas de máis. tamén pasou por aquela altura que aldao cantou coma santa cassia e tocou como san lou, o pequeno dos creus recitou e unha servidora fixo o mesmo. e despois todo se volveu unha loucura, un arrebato un frenesí... e un mozo ao que chamaban chocolate, artista local por descubrir como a el lle gusta nomearse, improvisou letras iluminado pola estrella de galicia e outras substancias de natureza etílica.
E ocorreu tamén que o noso benefactor suso lista tomou o micrófono en man para anunciar que os necesitados de descanso podían acubillarse na súa residencia como certamente ocorreu non moitas horas despois. así foi que alá polas tres da mañán, cando xa me debatía eu entre a tentación das sabas ou outro quinto, saía a facer versos un dos da crew. e alí o deixei no momento no que me retirei a un merecido sono que reparou o xusto para un madrugón.
e por iso e por outras cousas que non veñen aquí ao caso pero que se contan polas tabernas foi aquela noite nomeada como de venres de paixón. e a ela seguiulle o sábado de gloria que paso a relatar no seguinte capítulo.

3.4.07

ramboias periféricas

mentres a lúa de abril ou as gramíneas exaltadas por esta primavera xélida ou vai ti saber o qué fan estragos nas hormonas dos blogomilleiros- para mostra o botón das mmmmusicas que está imparable e a entrevista magnífica da besbe aos axentes do fodemillo- unha servidora volve ás saias do océano que a pariu -un pouco asustada, si, porque din por aí que me queren papar ;)- e prepárase para botar a semana entre as xentes de corme, concretamente da man das ramboias periféricas que vos convidan a todos a participar do xaraval do roncudo, xornadas multidisciplinares que contan xa dende onte cun cumprido programa que durará ata o sábado 7. o domingo, declarado logo día de resaca e meditación.

a iniciativa pretende dinamizar a costa da morte - nesta ocasión quedamos na vila de corme- con eventos que van dende as mesas redondas, a proxeción de películas e os concertos ata obradoiros de radio, malabares e artes plásticas, con intervencións sonoras, performances poéticas e musicais, palillada en vivo ou roteiro polos lugares dos percebeiros. un pouco de todo froito da conxunción de varias asociacións e o traballo de moita xente que está farta de aburrirse agardando os programas culturais -ulos?- dos concellos.

o seu blogue ten colgados xa, ademais do programa de actividades, cousas tan interesantes como un paseo sonoro por corme. eu pola miña banda, mañán persónome alí a ver que pasa. non podo menos que dicirvos que veñades porque ten unha pintasa.

...avisados quedades. despois non digades que é que nunca hai nada...

parabéns pola idea, con xente así...dá ghusto.
;)