13.7.07

desvelos

ábrenseme os ollos as seis e media da mañá. na cama, dou un par de xiros infructuosos, tan só serven para que as sabas se enrolen apretándome os cadrís, e decido erguerme para algo de máis proveito. tomo o último vaso de leite que se lle pode sacar ao cartón. con colacao. non hai café. atopo unha madalena milenaria no fondo do moble. faltan tres horas para que abra o supermercado. almorzo. fumo un pitillo. despois recollo a mesa e valoro a posibilidade de volver á cama. os paxaros xa cantan á beira do río.
en vez de ir á cama vou ao google. busco itinerario a piloño, vila de cruces. recorro o camiño co dedo índice sobre a pantalla. asegúrome de entendelo. fago por recordar algún dato útil sobre a localización do lugar das outras viaxes que fixen ata alí. imposible. teño a sensación de que fun teletransportada. deixo iso e fago a maleta. meto dentro un regalo para celsiño. abro a porta do patio e saio para ver o espectáculo de erguerse o día sobre a terra dos arañóns. déitome no sofá. imposible durmir. escoito a auga da piscina burbullar.

fumo outro pitillo. ábreseme a boca. esta é a miña, volvo para a cama, penso. pero alí o sol xa recorta a mañá sobre o cuarto e apunta directamente aos meus ollos. érgome e pecho as cortinas. volvome deitar. poño a cabeza debaixo da almofada. aínda así, escoito o ventilador do ordenador dende o cuarto do lado. dóeme pero érgome e vouno apagar. windows aínda instala un par de actualizacións, péchase cando xa a man se estiraba para coller outro pitillo que non hai.

por fin volvo á cama. pecho os ollos e concéntrome nalgo que estaba soñando antes do desvelo inicial ou algo que me gustaría soñar. empezo a coller o sono e déixome ir. hai unha casa cun xardín soleado polo que paseamos, un home de barba branca agárdanos debaixo dunha figueira. ao seu lado un gato adormece panza arriba. cantan os paxariños coma nas películas. cando nos estamos achegando a el o gato érguese e comeza a ladrar coma o can da veciña de abaixo. o home parece que nos quere falar, pero o gato non para de ladrar e non escoito nada máis que o ladrar do gato enchéndoo todo. o tipo saca un teléfono móbil. esténdeo cara min. dime: colle é para ti. o teléfono aínda non soa nin nada pero eu cólloo igualmente e achégoo á orella. cando o fago comeza a pitar. un son estridente e malhumorado. non sei como se para. esperto. apago con torpeza a alarma do móbil. maldigo. vou á cociña coma un zombi e poño auga a quentar. chegas pouco despois e espreguízaste feliz. preguntas que tal durmín. non hai café. acabouse o leite. e as madalenas.
abrazámonos. saimos ao patio nese abrazo.

o can da veciña, xa calado, cruza o xardín correndo e bótase á piscina.

bo día.

:)

4.7.07

eu tamén pirata



xa saberán que os piratas hai tempo que non son eses tipos de perna de pau e ollo parcheado aos que tanto temían as cándidas fillas de gobernadores e que agora abordamos copisterías e outos lugares que dispoñen de sistemas de reproducción e copia. tamén saberán, isto supoño que o aprenderían nas películas, que os piratas somos máis libres que os gobernadores, as nosas vidas máis plenas e mesmo en ocasións, isto depende do filme, temos máis éxito entre as mozas.
sobra dicir que somos uns desalmados que cremos que a cultura debería ser libre, copiamos libros e discos, imos ver proxecións de pelis a centros sociais e non pagamos un can e admiramos o traballo desta xente.
por iso iremos á xornada de cultura libre que o cineclube de compostela preparou para o venres día 6 no seu local, nacida a raíz da recente condena por proxectar un filme.
élles así. inxusto. nós pagamos cánones absurdos que presupoñen que somos delincuentes e os verdadeiros piratas viven a conta nosa. ou como se di popularmente:
levamos a fama mentres outros levan o proveito.