17.6.08

plan (primeira parte)

aínda faltaba para dar as oito e a cidade xa anunciaba vestidos de verán que desfilaban por diante da noutrora lustrosa vidrieira do café mar do norte. detrás da mesma, roi e o seu compadre ramón podían ver a cidade lagañosa correr cara aos autobuses urbanos e mirarase de esguello nos semáforos.

sentados á mesa número sete, os dous homes agardaban. impacientes.

entretanto, a camareira deleitábase en comentarios chismosos na cociña, o que impacientaba especialmente a ramón, que a vía recostada na fiestriña por onde deberían estar saíndo os seus almorzos. finalmente a empregada dignouse. e achegouse á mesa coa desgana propia dun choio mal pagado.

que lles poño -ao tempo roía nunha goma de mascar- aos señores? a muller nin sequera os miraba, a súa vista perdíase máis aló da graxa dos cristais e da citröen, como se puidera atravesala coa súa visión de raios x e ver o mar. de seguro que se imaxinaba alí no medio do océano, de cruceiro.


a min bótame un café de almorzo...e máis...tedes torradas? pero de pan bo, do de verdade.
roi tiña unha teima co asunto aquel das torradas. a ramón, sinceramente, isto parecíalle unha parvada soberana. e naqueles momentos, parecíalle tamén que era enredar á muller alí por enredala. e por iso, baixo da mesa, comezou a darlle patadiñas nada discretas ao seu compañeiro.

as torradas facémolas co pan co que se fixeron as torradas toda a vida, dese de bolsa. eu non lle coñezo outro pra torradas. ela, de verdade, non sentía entrega ningunha por aquel choio.

pois entón bótame unha madalena. e ti ramón? e ramón notou o zapato do outro na canela e tivo que parar cos puntapés malia que, a esta altura, xa estaba realmente nervioso e non vía o momento de se desfacer da muller aquela, que agora o inquería coa mirada. a min póñame un café só e máis nada. e díxollo con tanto apuro que a propia camareira se decatou de que estaba de máis naquela mesa.

por detrás da barra, a empregada entregábase con parsimonia aos labores do almorzo e, con moito máis celo, miraba de cando en vez para os dous homes, que agora se debruzaban sobre un papel que ramón estendera na mesa e semellaban discutir en voz baixa, cortando de vez en cando as olladas dela que volvía á manteiga e ás culleriñas disimuladamente.

mira ramón, se non te relaxas entón si que vai ir todo para o carallo! e foi nese punto de voz en alto que se ergueu o home e foi ata o teléfono, onde falou tan apurado que non chegaron a entender moito os do bar, só que o ford non lle acendera pola mañá e que que culpa tiña el e que agora ían almorzar porque xa estaba bastante cabreado polo do coche e que habían de chegar a tempo, que diso se encargaba el, pero almorzados, vive dios! e colgou o auricular cun golpe tan forte que o encargado do bar mar do norte saíu do cuartucho das contas a ver que pasaba.

e en canto o home volveu á mesa chegou tamén a camareira, xa moi intrigada malia o susto, portando unha bandexa de metal na que ben se vían abanear os pocillos mal asentados. xusto chegou no instante preciso en que o tal ramón enburullaba sen pericia ningunha o papel aquel nun bolso de deportes que deixara ao seu carón.

de modo que cando pagaron deixando unha boa propina (para que sorría anque sexa só ao marcharmos, dixéralle o das torradas) e saíron pola porta do mar do norte, xa non só a camareira senón tamén a cociñeira e o encargado que saíra de novo do cuartucho, seguían os seus pasos coa mirada, pegados á vidrieira que, dende logo - dixera o encargado- ten boa falta de lle pasar unha auga.

e encamiñáronse rúa arriba os dous homes, portando sendas bolsas na man.


(...)

5 comentarios:

mariademallou dijo...

a cousa vai do seguinte: mig propón a mariademallou outras tres palabras para un relato (nesta ocasión son abanear, albergue e automático) e mariademallou propón a mig tres notas para que faga unha canción. o relato irá en tres partes porque é demasiado longo. a canción está sendo gravada e antes de rematar a entrega terana por aquí.
esta tarde, depois do traballo, sairemos a retratar a cidade para ofrecer foto para a narración.
dend eo punto de vista do lector non sei como resulta, para unha servidora é moi, moi divertido facer isto ;) e...máis nada. así andamos e engordando.
:)

Malaquita dijo...

Agardo expectante a segunda parte.

Un saúdo e noraboa

oko dijo...

a min tamén me gustou :D

© Paulinho Assunção. All rights reserved. dijo...

Que maravilha, daqui de Minas, ler (e ouvir) a sintaxe tão formosura, a dicção tão doce, a semântica tão baile, o escrever tão dançante, modos e maneiras de encontrar a língua-língua das formosuras e dos vôos de vocáculos por entre as árvores.

Disse tudo? Não. Disse pouco. Só entrevi os sinuosos caminhos galegos-galaicos-portugueses-brasileiros etc. e tal.

Abraços, abracins.

Manuel Lôpez Rodrígues dijo...

Unha cousiña está clara. A nosa MARIADEMALLOU non ten paradiña! ... a ver como remata o relato. Eu tamén agardo impaciente a segunda parte.

Saudos!