23.6.08

plan (terceira e última parte)




e non o ía abandonar, claro, porque eran amigos de sempre e criáranse porta con porta. así que entrou detrás del na óptica e seguiuno en todo canto fixo. ramón, sinceramente, non agardaba que a el se lle fora a dar tan ben aquelo. claro que tiñan feito prácticas na casa e iso, e que o levaba ben ensaiado. pero en directo medrábase que dába xenio velo. que ben lle saíra... pecha a reixa agora mesmo e sen levantar sospeitas! e arribas as mans! e todos ao chan aí que isto é un secuestro! e mesmo algún cala cabrón! deixa de choromicar! que lle quedou moi convincente mentres o seu compadre pechaba a axudantes e ao propio óptico no baño do establecemento. e, xa que estaban, colleron o pouco que había na caixa, non por facer mal, ollo, que aquelo era unha cousa de xustiza poética polo das gafas da nena do roi e non outra cousa, senón máis ben por lle dar credibilidade ao asunto. non vaian pensar estes que o noso é unha carallada, que lle dicía o roi, e colle o da caixa e sae de aquí tranquilamente, que ninguén se decate do que pasa.

pero para saír tranquilamente, había que erguer a reixa automática, e aquelo era un inconvinte co que ningún dos dous homes da media na cabeza contara ata ese momento.


tamén recorda perfectamente don alfonso que deron as oito e media no reloxo do concello cando aínda faltaban tres minutos para a hora segundo o seu citizen de precisa maquinaria. e que foi naquel momento cando os dous homes da funda que fumaban no soto da obra se ergueron e comezaron a prepararse porque o coche do encargado acababa de pasar pola rúa e xa non había tempo que perder, había que facelo de calquera maneira. e don alfonso, xa moi integrado na acción, viu como os dous homes sacaban a funda e vestían cadanseu traxe negro, de corte moderno pero moi elegantes, con camisas cor crema que, ao gusto de don alfonso realzaban as súas perchas. e unha vez vestidos os dous homes e bastante apurados, maldicindo de novo a figura dos seus compadres ausentes, agocháronse detrás duns bidóns que alí había, coa intención de sorprender ao encargado. e a partir dese momento, comezaron a falar entre eles moi baixo, de modo que pouco foi o que puido entender don alfonso, malia que se esforzou por poñer a orella.

antón
que
e como o imos facer, sen medias, nin armas, nin nada?
eu que sei, jose, en principio imos seguir co plan, a ver se chegan estes dous.
pero...e se non veñen?
pois se non veñen xa inventaremos algo
pois...éche este o momento de inventalo, antón
cala...e concéntrate. ti velo?
vino antes entrar no banco


e así pasaron varios minutos, farfullando algo entre eles dun bidón a outro, e don alfonso esforzándose por escoitar.

con esforzo semellante, o titular da óptica -don alejandro martínez prieto- afanábase por percibir a conversa dos dous homes encarapuchados ao outro lado da porta do baño. querían saír de alí sen chamar a atención, pero só el tiña a chave que accionaba o mecanismo da reixa. de calquera maneira, para aquela altura, xa algúns viandantes madrugadores se deberan agolpar detrás da portas de cristal do negocio, pensaba. e acertaba, só que non só iso, senón que mesmo chegara unha patrulla da policía local e non era tan fácil pasar desaspercibido. a isto hai que a alerxia de ramón, agravada agora pola tensión que imprimía a presenza da policía local do outro lado da reixa, cebárase nel polo que a media de nylon non facía outra cousa que afogalo. de modo que houbo que sacar ao óptico do baño para saír de alí, xa sen dignidade ningunha acompañados dunha parella de gardas vestidos de azul e a ramón en ambulancia camiño do xeral.

antón
queeeee
e ti non cres que a familia se preocupará?
home...eles entenderano, ou!
xa....pero antón
queeee...
ti fixeches a reserva no restaurante?
si, home, si.
e quen quedou de chamar á stripper?
ramón. ramón dixo que chamaba unha ex-moza que viña facéndonos un prezo


nese punto, si que don alfonso estaba xa desconcertado co asunto

antón
queeee, jose, queeee
e como cres que tomará a moza o do secuestro?
ela está preparada para todo, home...non ves que casan o sábado?
xa...
pois claro, home


e nese mesmo momento foi cando a policía se presentou na obra, preguntando por don josé lema martínez e don antonio sobral leis, e aos dous homes de traxe non lles quedou outra que saír de detrás dos bidóns e coas mans en alto. e como ben anota don alfonso, que o viu todo, repetían unha e outra vez que o seu era só unha despedida de solteiro, aínda que, en efecto coñecían a roi pérez seoane e a ramón soares eulogio, tamén convidados á festa para a que pensaban simular o secuestro do novio, como viran facer hai pouco a uns tipos da coruña.

o que non entendían era porque estaban eles detidos e o asunto aquel da óptica. porque o seu, volvían repertirlle ao señor comisario, era só un cachondeo, unha broma e nin as armas eran de verdade -que foran mercadas no chino do lado da casa de ramón- nin eles coñecían aquel alejandro, nin sabían nada de xustiza e moito menos de poesía! e tivo que ser o encargado da obra, un tipo serio que empezaba coa súa empresa nisto da construción, o que adiantou a fianza liberando aos secuestradores e aos cómplices daquel asunto. e de paso, rescatou o plano eléctrico da obra que ramón levaba na bolsa, despois de moito porfiar e porfiar a policía, que cría que aquelo non era outra cousa que anotacións sobre os sensores antisísmicos da caixa daquela importante sucursal bancaria que había ao lado do seu choio. a mesma que, e isto foi pura casualidade, foi atracada poucos días despois por unha banda de franceses que entrou no edificio facéndose pasar por técnicos electricistas.

4 comentarios:

mariademallou dijo...

descúlpome en m¡nome de mig, que marchou de viaxe e deixounos sen canción;)á volta.
saudiños a todos. anden pola sombra.

Manuel Lôpez Rodrígues dijo...

...agardamos pola música en todo caso

Mr Tichborne dijo...

Divertido relato! Como dixo aquel sabio, en mans dun imbécil nin a pólvora arde.
(dígoo polos personaxes, claro)
unha aperta

mariademallou dijo...

hahaha...que bo, non coñecía o refrán;) grazas.