24.9.08

anda a deputación da coruña a moverlle os marcos a gonzález garcés e...




veño de coñecer, a través dunha carta aberta enviada polo poeta eduardo estévez, a situación na que se atopa o seu libro construcións, poemario que resultou gañador na XVI edición do premio gonzález garcés convocado pola deputación da coruña. este premio foille entregado a eduardo por un xurado que o fixo libremente e con atendemento ás bases do mesmo (as cales, hai que supoñer, leron e interpretaron no seu momento, porque niso consiste exactamente ser xurado) e que outorgou tamén un accesit a unha obra de xavier lama. o caso é que a deputación coruñesa acaba de notificar a eduardo a resolución pola que acepta a impugnación presentada polo xa citado xavier, na que pide que se retire o premio a construcións por considerar que non se trata dun libro inédito. basea esta impugnación no feito de que o poeta mantivo un blog, fechado varios meses antes da convocatoria do premio, que chamou en construción, no que ofrecía aos lectores a posibilidade de asistir ao proceso de creación. pero, antes de cegárense, saiban que en construción era a “bitácora da construción dun libro de poemas” na que se podía observar cal era a xénese e vida duns textos que, tempo despois e xa non á vista do público, foron convertidos nun poemario. como ben se informa no blog, eses textos foron refeitos, con engados e perdas, e convertidos xa nunha obra finalizada, estructurada e consolidada como tal, que foi presentada a un concurso -o da discordia en cuestión- que para máis gañou. ademais de apreciarse un amargo mal perder na actuacción de xavier, hai tamén moi mala hostia e pouco de profesional, pois son moitas as voces que coinciden –dende o punto de vista legal tamén- en que nin un blog é unha edición (non é un libro, nin sequera un libro dixital) nin a mostra dun proceso é o mesmo que a publicación dunha obra, así como tampouco se considera édito un libro porque o autor recitara os textos que o compoñen algunha vez en público. 

como xa dixo don camilo -e xuro que é a última vez que o cito- non é o mesmo estar durmindo que estar durmido (e só o primeiro é mellor ca o segundo, engadiría siniestro). do mesmo xeito, non é o mesmo estar construíndo que o resultado desa construción. xa, xa sei que a sentencia ten unha segunda parte; tampouco estar fodido por non levar máis ca unha mención implica que un teña por iso que andar fodendo aos demais. se un quere gañar un premio os camiños son outros e non deberían pasar nin por despachos nin por xulgados. tamén a deputación debería ter en conta moitas outras opinións –e iso esperamos que faga coas expostas nas alegacións de miro villar, fran alonso e miguel anxo fernán vello- antes de renderse ao desquite vingativo desta pataleta vergonzante. non vaia ser que nos poida o galeguiño que levamos dentro e convirtamos a literatura galega en terreo para pleitos por marcos e camiños. saiamos, polo ben de todos, deste minifundismo mental dunha puta vez.

5 comentarios:

brangaene dijo...

propoño facer circular pola rede un manifesto a asinar para nos posicionar sobre o asunto de Eduardo Estévez. non é unha cuestión xeracional, como se anda a comentar. a decisión de retirarlle o premio é indubidablemente ultra-rancia e marca un fito. coido que dentro de anos, na historia da literatura galega, se falará do "asunto-Eduardo-Estévez" como unha crise que obrigou a unha fonda reflexion a varias xeracións de escritores galegos

Anónimo dijo...

Así logo a todos vos parece normal andar por aí publicitando os vosos poemas e logo incluílos nun poemario que concorra a un premio que esixe o anonimato? Daquela vai ser mellor prescindir de presentarse baixo plica, se xa non é máis ca unha convención. Mira que pretender presentarse a un premio cun textiño pelado desde o anonimato! Haiche xente ben antiga e ben rancia! Hai que ser modernos e espabilarse, home!

mariademallou dijo...

seño/a anómnimo: se un anda polos recitais e escoita o que outros compañeiros fan entra dentro das probabilidades que o recoñeza se atopa algún deses textos se o ve escrito nun libro. iso non quer dicir que o autor non se presente ao concurso como anónimo. se iso lle ocorre a un estando de xurado o que ten que facer é actuar en consecuencia no momento de tomar a decisión. porque, como podo eu controlar que o xurado non me recoñeza?! pense niso tan só durante dous segundos e recoñecerá o absurdo da cuestión. e apañados estabamos se os poetas tiveran que andar agochando os poemas por mor de presentalos a concursos! manda carallo as bobadas que teño que escoitar... ler, neste caso.
e saiba tamén que isto é algo que pasa en tódalas literaturas e que non lle é cousa só da galega.

Anónimo dijo...

Non por Deus, que ninguén oculte nada, que nos quedamos sen a metade da literatura galega! Xa vexo que é normal que cando a xente escribe uns cantos poemas ande por aí a sacarlle o máximo partido posible e despois, a ver se xuntando uns poucos máis cae un premio. Eu pensaba que o normal sería facer ao revés: se tes un poemario completo pódes decidir presentarte a un premio e só despois de intentalo, tanto se cho deron coma se non, xa podes recitalos, metelos no blog, sacar algúns nunha revista. Pero xa vexo que estaba errado, desculpen eh! Estaba por dicir que un aínda andaba pola vella, pero a verdade é que pola vella coido que tamén era como vostedes din. Sempre pensei que os rapaces agora se adaptan moito mellor ás normas do mercado e velahí, véxovos a todos moi adaptados.
A verdade é que sempre me preguntei por que ninguén plantaba cara a todas as chanchulladas que todo o mundo sabe que hai polos premios e agora xa teño a resposta: xa vos vai ben a todos o sistema como está. E o que se enfronte ao sistema xa se sabe que queda fóra. Tedes razón co Lama, debe ser un anticuado, un idealista deses que andan pendurados dunha nube. As veces son os propios membros do xurado os que alucinan coas mensaxes subliminais e explícitas de todo tipo que lles chegan. Pois si, o mellor será deixar en mans dos xurados que eles discriminen a quen descalifican e a quen non.
Menos mal que Steiner non sabe ler galego, que se botase unha ollada estes días á rede había rir un chisco.
A única dúbida que me queda é qué se diría aquí se pasara ao revés, que fose Estévez quen gañase o recurso. Non sei porqué me dà que daquela o poderíades converter nun heroe na loita anticorrupción que simbolizan os novos. Argumentos hai para tirar por ese lado

mariademallou dijo...

señor anónimo. non creo que estévez chegase a gañar nunca o recurso porque, se os papeis estivesen invertidos, estévez nunca presentaría impugnación algunha.

sobre o que dixen: entenda vostede o que queira entender. eu non teño que andar a explicarlle nada do que fago cos meus textos ou deixo de facer. se cre que os premios están cheos de chanchulladas monte vostede un e presuma de elegante.
e, por favos, como isto non é un certame literario, a próxima vez que escriba poña un nome polo que me poida referir á súa estampa. élle unha cousa de educación. os modernos sómoslle así.
ala, vou chanchullear un anaco a ver se me fago millonaria escribindo versos...manda carallo.