25.9.08

recuncar sobre o asunto do gonzález garcés

Volvo escribir sobre a impugnación do premio de Eduardo Estévez porque me pode a indignación e, por algunha razón, teño a sensación de que debo expoñer o que penso para contribuír ao debate creado pola inxustiza en cuestión como se fose un granciño de area o que deito nesta montaña de opinións. 

En primeiro lugar creo que as bases dos premios, da maioría deles ou cando menos dos que eu teño coñecemento, son o suficientemente operativas. Creo isto porque, seguro que erroneamente, creo moito no ser humano. É certo que poderían ser máis estrictas, mesmo matemáticas, e algunhas en concreto –acórdome agora das do famoso Avelina Valladares ao respecto da publicación- poderían estar redactadas con máis concisión, pero tamén creo que o seu cometido é actuar como directrices e que son os xurados os que, coa súa interpretación, debe actualizar o que alí se di. Refírome a que é labor do xurado considerar que libros respectan as bases interpretando as mesmas e tamén os que, en consenso entre eles, deben establecer os límites desas bases.

Tamén me gustaría dicir que na miña experiencia de xurado –e xa teño estado nun bo número deles- nunca atopei nada sospeitoso e si moita capacidade para dialogar; os xurados que eu vin sempre foron limpos e o consenso entre os membros do xuri estableceu, en diversas ocasións, límites aceptables a cláusulas das bases (como, por exemplo, aceptar un libro que pasa un pequeno número de versos do exposto nas cláusulas) sen que por iso haxa que perseguir a ninguén. Os xuíces botan o día interpretando a lei e a ninguén lle parece estraño iso. Digo todo isto porque moita xente (especialmente os que non gañan un premio) adoitan dicir que os xurados son todos uns corruptos, como se xurado fose unha persoa concreta e sempre a mesma. 

Sobre o estatus de édito ou inédito paréceme que roza o absurdo –pero igual isto mo parece a min e son a única- discutir se construcións é un libro inédito ou non. Sen ter que remitirme a termos xurídicos nin técnicos creo que é evidente que un blog non é un libro, e que publicar uns poemas nun soporte semellante non é ter unha obra editada porque, nese caso, eu debo ter uns trescentos libros na miña bibliografía e por moito que citase os títulos dos meus posts nun curriculum ninguén aceptaría iso como obras e moito menos editadas. Sen necesidade de esaxerar tanto direi que ninguén aceptaría que casatlantica.blogspot -en este formato- é un libro, por moito que eu porfiase en vendelo como tal.

Doutra banda cando nas bases se pide que unha obra sexa inédita non creo que sexa necesario explicitar se toda a obra, ou o 70% da mesma ou cando menos o 50% da mesma porque iso son pamplinadas moi difíciles de medir (o porcén ese que se contabiliza, en versos, en poemas ou en caracteres?). O que hai ver é, simplemente, que o libro que se vai valorar non exista xa como libro. E tamén ten responsabilidade o xurado, en función das bases, ao decidir que libro se acepta e cal non, e, nese caso, haberá xurados máis exquisitos ca outros. 
E (que ninguén rasgue as vestimentas aínda) saiban que é habitual –moito- que un poeta presente a un premio un libro no que algún dos seus textos foi publicado nunha revista, antoloxía, web, xornal, e sabe deus cantos soportes máis. Iso fai que a obra en si xa non sexa inédita? Non.  A estrea do trailer dun filme no que se ven incluso ¡esceas do final! fai que o filme estea estreado? A ver quen é o que di que si e queda tan ancho. Pois do mesmo xeito a publicación duns poemas (e neste caso da versión primixenia duns poemas) non pode afectar a todo o libro, á obra en si, pois non existe editada como tal. E apañados estabamos se os poetas galegos (e doutros lares) tiveran que gardan inéditos completamente 600 ou 1.000 versos para presentarse a un concurso. Moitas revistas, libros colectivos realizados con diversos motivos, webs e demais terían que buscarse outros colaboradores. Porque, se nos poñemos estrictos, o publicado xa non o poderían publicar (estaría suxeito a dereitos de quen o publicou antes) e o inédito habería que gardalo para a semente. Unha cousa de tolos vaia. 

E despois está que tampouco o poderían ler en público! Porque entón poderían estar vulnerando sen sabelo a seguinte base: aquela que esixe presentarse como anónimo. Outro debate dos bos este... como vai un autor controlar que un xurado non o recoñeza? Cal é a fórmula para facer iso? pode alguén escribila aquí nos comentarios, por favor? Os xurados, como o resto de lectores, son libres de elucubrar durante as súas vixías nocturnas se os libros pertencen a tal ou cual autor (cousa que, ademais, adoita apaixonar aos xurados) e algunhas veces ata acertan. Baséase esta posibilidade de recoñecemento en cousas tan imprecisas como a súa bagaxe cultural, o coñecemento do estilo dalgúns autores, as lecturas que fixeran, a súa asistencia a recitais e outros actos e ata a intuición!... En fin, que si! que pode pasar que un vaia a un xurado e recoñeza aquel poema porque o escoitou ou o viu escrito antes. E non por iso xa hai a obriga de sacar ese libro do concurso porque o seu autor, saiba o que saiba o xurado, presentouse baixo plica igualmente, pero non pode loitar contra a sociedade da información esta, na que todo se sabe, e moito menos co amplio lercheo ao que nos condena un paisiño tan curriño coma este.

No caso de Eduardo, el non enganou a ninguén. O seu proxecto en construción -que valoro como unha das propostas máis atrevidas dos últimos anos de literatura galega- nunca foi ocultado a ninguén, estaba á vista de todos dende o principio, e entre eses todos está tamén o xurado. E presentando o resultado desa experiencia ao premio non incumple base ningunha porque, recordemos, el preséntase baixo plica e, polo tanto, de maneira anónima. E Construcións non está publicado como obra, nin sequera como libro dixital! pois o antecedente ao que Lama se refire nin sequera é o mesmo texto final, e para máis é un blog. E por iso, se o único que tivese Eduardo publicado fose ese blog, nunca xamais o admitirían no PEN clube porque, non se enganen, eles si que piden ter obra publicada e saben ben que un blog non o é.

Agora ben, se o xurado decide, hai que respetar tamén as súas decisións e non pensar que todo está nas bases e que eses tipos se reúnen para tomar unha determinación cegamente, acabando prontiño para ir comerlle a lamprea ao restaurante do lado, porque iso é tamén unha falta de respecto cara a autoridade que se lles dá. O que xa escapa amplamente ás miñas curtas entendedeiras, é porque admitiron o recurso de Xavier. E non o entendo polo exposto ata agora e porque todo o que Lama alegou non pareceu que fora tomado en consideración anteriormente (igual non eran tantos os miles de lectores que se lle supuxo ao blog de Eduardo, vaia). Por iso mesmo creo tamén que non había razón de xustiza para impuganar o libro de Eduardo Estévez e que facelo demostra moi mala fe, mesquindade incluída, por parte de quen impuga, que ten coraxe aínda para alegrarse de recibir este premio! Ben, recibir recibir, igual non é o verbo adecuado, haiche outros que lle acaen mellor ao caso.

Finalmente, non vou negar aquí que as bases dos premios literarios deban revisarse para adecualas aos tempos que corren (nos que aparecen os libros dixitais como publicacións á par dos libros de papel de toda a vida... ben, que che son libros igualmente) pero tampouco son elas unicamente o problema. O que falla aquí tamén che é o sentido común. E iso lamentablemente, non hai cláusula que o recolla por moi ben redactada que estea. 

5 comentarios:

O´Fartura dijo...

Vaia che.
O xurado ten lexitimidade ata para equivocarse.
Neste caso imos para atrás e temos que dicir que chove.
O único bo deste asunto é que posibilita un debate necesario.
O xurado é de supoñer que tomou unha decision equivocada de forma irresponsable, sen ter en conta as consecuencias.
As deidades do paleolítico os teñan na gloria.
Un saúdo mariñeiro.

eli dijo...

ahí van unhas suxerencias para o do xurado:

se se trata de que os xurados non recoñezan os autores nos premios galegos temos tres opcións:

1) obrigar aos xurados a non saír da súa casa, non acender a radio nin ler prensa ou revistas ou mesmo libros por un periodo duns dez anos aproximadamente.
2) contratar xurados de fóra
3) ou unha terceira, máis sensata:
confiar no seu sentido común
e na súa profesionalidade e boa fe

non hai que cambiar as bases dos premios. o que hai que facer é confiar na boa fe dos xurados

eli dijo...

aqui tamén hai ideas...
http://cabaretvoltaire.canalblog.com/archives/2008/09/25/10717062.html#comments

Danilo dijo...

En cantoo ao tema de considerar un blog obra editada/publicada creo que é un dos asuntos máis graves como xa manifestei no cabaret. O xurado dase conta que admitindoi isto o que está é a menosprezar indirectamente o traballo de centos de profesionais da edición no noso país?

Por outra banda, concordo con eli en canto ao de confiar nos xurados, se non mal vamos, e aínda que non sexa unha norma que me entusiasme: ¿que foi daquilo de o veredicto do xurado será inapelable que soía aparecer nos certames? Quizais alguén o denunciou por anticonstitucional?

Saúdos

roedor dijo...

Casatlántica estanos a dicir que estivo en varios xurados, que é normal recoñecer poemas xa oídos ou lidos dentro dos poemarios que se presentan, e afirma ter actuado con obxectividade. Non sei por qué o teu concepto da obxectividade tráeme á mente a imaxe dos reloxos de Dalí.
Así e todo, os poetas escribides a vosa obra, escribides crítica dos vosos colegas, estades en xurados, sodes xuíces e parte, ides a xuntanzas para debater sobre vós mesmos... Moito se feirea por ese mundiño das letras, non? Algo me di que ese Lama (que por certo aínda non lin, pero vou ler) non debe moverse moito por esa feira porque se non -co colegueo que crea atoparse aquí e alá, compartir mesa redonda hoxe, mañá un xurado, pasado unha charla sobre os meus esperimentos e os teus- non o maltratarían tanto no ambiente.
Por outro lado, lese máis arriba que reclamar é de mal perdedor, mala hostia, bile negra ou non sei que. Ai ho, pois aínda imos ter que volver ao de "mexan por un e hai que dicir que chove" que se non vaiche ser peor.