26.10.08

fermosas tardes de domingo



estimado domingo:
agora mesmo acabo de entrar pola porta e confeso que che devolvín a conducta que che tiña sacado, pois volvo da fermosa tarde que os de valdares nos regalaron. eles, claro está, puxeron o convite e a oportunidade de xuntarme con amigos e poetas -ademáis de coñecer de preto os xeniales accidents, aos que por fin vin en directo. de feito, foi unha delicia enredar ese pouco tempo con antía (e compaña;) e escoitar os preciosos versos de retrovisor. tamén ver de novo a xabier e aínda máis escoitalo ler e comprobar como revive a ronseltz facendo retroceder o tempo ata o instituto... e dá gusto, realmente, atopar entre o público os ollos cómplices de marta e familia e despois sentar en longa mesa a botar unhas parrafadas e comerlle unhas pataquiñas.
así que, querido domigo, teño que agradecerche que endereitaras o trazo retorto que levabas cando me erguín esta mañá con preocupacións e sustos. e, posto que ao día aínda lle quedan unhas horas, rógoche que non o estragues agora, no pouco que lle falta, porque che estaba quedando unha tarde moi curriña. desas de galletiñas caseiras e merendas de chocolate.
e aínda máis, querido domingo, quería dicirche que o estás facendo moi ben, pero podes facelo mellor. coméntalle isto último ao luns.

;)

1 comentario:

From Hell dijo...

eu odio as tardes de domingo, pero se son como esas...