23.6.08

plan (terceira e última parte)




e non o ía abandonar, claro, porque eran amigos de sempre e criáranse porta con porta. así que entrou detrás del na óptica e seguiuno en todo canto fixo. ramón, sinceramente, non agardaba que a el se lle fora a dar tan ben aquelo. claro que tiñan feito prácticas na casa e iso, e que o levaba ben ensaiado. pero en directo medrábase que dába xenio velo. que ben lle saíra... pecha a reixa agora mesmo e sen levantar sospeitas! e arribas as mans! e todos ao chan aí que isto é un secuestro! e mesmo algún cala cabrón! deixa de choromicar! que lle quedou moi convincente mentres o seu compadre pechaba a axudantes e ao propio óptico no baño do establecemento. e, xa que estaban, colleron o pouco que había na caixa, non por facer mal, ollo, que aquelo era unha cousa de xustiza poética polo das gafas da nena do roi e non outra cousa, senón máis ben por lle dar credibilidade ao asunto. non vaian pensar estes que o noso é unha carallada, que lle dicía o roi, e colle o da caixa e sae de aquí tranquilamente, que ninguén se decate do que pasa.

pero para saír tranquilamente, había que erguer a reixa automática, e aquelo era un inconvinte co que ningún dos dous homes da media na cabeza contara ata ese momento.


tamén recorda perfectamente don alfonso que deron as oito e media no reloxo do concello cando aínda faltaban tres minutos para a hora segundo o seu citizen de precisa maquinaria. e que foi naquel momento cando os dous homes da funda que fumaban no soto da obra se ergueron e comezaron a prepararse porque o coche do encargado acababa de pasar pola rúa e xa non había tempo que perder, había que facelo de calquera maneira. e don alfonso, xa moi integrado na acción, viu como os dous homes sacaban a funda e vestían cadanseu traxe negro, de corte moderno pero moi elegantes, con camisas cor crema que, ao gusto de don alfonso realzaban as súas perchas. e unha vez vestidos os dous homes e bastante apurados, maldicindo de novo a figura dos seus compadres ausentes, agocháronse detrás duns bidóns que alí había, coa intención de sorprender ao encargado. e a partir dese momento, comezaron a falar entre eles moi baixo, de modo que pouco foi o que puido entender don alfonso, malia que se esforzou por poñer a orella.

antón
que
e como o imos facer, sen medias, nin armas, nin nada?
eu que sei, jose, en principio imos seguir co plan, a ver se chegan estes dous.
pero...e se non veñen?
pois se non veñen xa inventaremos algo
pois...éche este o momento de inventalo, antón
cala...e concéntrate. ti velo?
vino antes entrar no banco


e así pasaron varios minutos, farfullando algo entre eles dun bidón a outro, e don alfonso esforzándose por escoitar.

con esforzo semellante, o titular da óptica -don alejandro martínez prieto- afanábase por percibir a conversa dos dous homes encarapuchados ao outro lado da porta do baño. querían saír de alí sen chamar a atención, pero só el tiña a chave que accionaba o mecanismo da reixa. de calquera maneira, para aquela altura, xa algúns viandantes madrugadores se deberan agolpar detrás da portas de cristal do negocio, pensaba. e acertaba, só que non só iso, senón que mesmo chegara unha patrulla da policía local e non era tan fácil pasar desaspercibido. a isto hai que a alerxia de ramón, agravada agora pola tensión que imprimía a presenza da policía local do outro lado da reixa, cebárase nel polo que a media de nylon non facía outra cousa que afogalo. de modo que houbo que sacar ao óptico do baño para saír de alí, xa sen dignidade ningunha acompañados dunha parella de gardas vestidos de azul e a ramón en ambulancia camiño do xeral.

antón
queeeee
e ti non cres que a familia se preocupará?
home...eles entenderano, ou!
xa....pero antón
queeee...
ti fixeches a reserva no restaurante?
si, home, si.
e quen quedou de chamar á stripper?
ramón. ramón dixo que chamaba unha ex-moza que viña facéndonos un prezo


nese punto, si que don alfonso estaba xa desconcertado co asunto

antón
queeee, jose, queeee
e como cres que tomará a moza o do secuestro?
ela está preparada para todo, home...non ves que casan o sábado?
xa...
pois claro, home


e nese mesmo momento foi cando a policía se presentou na obra, preguntando por don josé lema martínez e don antonio sobral leis, e aos dous homes de traxe non lles quedou outra que saír de detrás dos bidóns e coas mans en alto. e como ben anota don alfonso, que o viu todo, repetían unha e outra vez que o seu era só unha despedida de solteiro, aínda que, en efecto coñecían a roi pérez seoane e a ramón soares eulogio, tamén convidados á festa para a que pensaban simular o secuestro do novio, como viran facer hai pouco a uns tipos da coruña.

o que non entendían era porque estaban eles detidos e o asunto aquel da óptica. porque o seu, volvían repertirlle ao señor comisario, era só un cachondeo, unha broma e nin as armas eran de verdade -que foran mercadas no chino do lado da casa de ramón- nin eles coñecían aquel alejandro, nin sabían nada de xustiza e moito menos de poesía! e tivo que ser o encargado da obra, un tipo serio que empezaba coa súa empresa nisto da construción, o que adiantou a fianza liberando aos secuestradores e aos cómplices daquel asunto. e de paso, rescatou o plano eléctrico da obra que ramón levaba na bolsa, despois de moito porfiar e porfiar a policía, que cría que aquelo non era outra cousa que anotacións sobre os sensores antisísmicos da caixa daquela importante sucursal bancaria que había ao lado do seu choio. a mesma que, e isto foi pura casualidade, foi atracada poucos días despois por unha banda de franceses que entrou no edificio facéndose pasar por técnicos electricistas.

19.6.08

plan (segunda parte)



un anaco máis adiante, cando xa os folgos obrigaban a ramón a suplicar por reducir a marcha, detivéronse nun semáforo que estaba vermello e axudaron a unha muller a baixar polas escaleiras do mercado o carro do rapaz. e a muller agradeceullo con cadensúa mazá que acababa mercar e que lévenas, lévenas, que están moi boas. e ela recorda telos visto marchar roendo na mazá. foron indo, con igual apuro, cara a grande avenida que atravesa o centro.


mentres tanto, e non lonxe de alí, tres homes en funda azul, comezaban a poñer placa no ático dun edificio en construción veciño á sede bancaria máis importante da cidade. metros abaixo, no soto da obra, trafegaban outros dous que, de cando en vez, miraban os seus reloxos, maldicían os motores dunha afamada casa americana de coches e a fachenda dun tal roi, ao que o meteran no asunto polo que o meteran, segundo dicía un deles. aínda así, ao outro parecíalle este un razoamento pouco convincente, pois aquel era unha idea caralluda, un plan perfecto e aqueles dous imbéciles íano botar todo a perder! e todo isto víao e escoitábao sen descoidar detalle, don alfonso rodríguez de santos, hoxe xubilado acollido á beneficencia do albergue das carmelitas, home ocioso e asíduo espectador de obras da construción, si, pero en tempos un dos máis coñecidos dandis da cidade, como a le lle gustaba recordar.

pois sabes o que che digo, que como non cheguen imos sen eles, aseveraba o máis pequeno dos homes da funda porque, segundo el, os de arriba non ían botar a mañá coa placa aquela, o encargado estaría para chegar e había que lle dar vida ao asunto que ían dar as oito e media e non andaban ben de tempo.

e, malia que estaba disposto e xa se erguera con ánimo de actuar, o outro atallouno e tendéndolle un cigarro díxolle que agardase, porque nin sequera tiñan o atuendo adecuado, así mesmo dixera, como recorda don alfonso, e que aquel non era un choio de facer en funda. e preguntoulle se tiña o coche aparcado no sitio que conviñeran, ao que o dos apuros respondeu que si. e observaron o tráfico da cidade que era pouco porque, como ben apuntou don alfonso, xa moitos comezaran as vacacións estivais.


soaban as oito e media cando ramón e roi chegaban á rodonda da fonte onde as gaivotas se bañan os días de calor. alí roi detívose ante a cristaleira da óptica franquiciada que ocupaba boa parte de mazá.


ramón, agarda un intre que imos parar aquí facer un recado.

pero que recado nin que carallo! céntrate ao que imos roi, que están agardando por nós!

se só é un minutiño, home, que acabamos desguida.

a ver roi, pódese saber que se che perdeu a ti agora na óptica?!

ti só prepárate, que a este tipo téñolle eu unha xurada... e mentres, abría a bolsa de deporte e revolvía dentro buscando algo.

pero que dis, oh?

isto éche unha cousa de xustiza poética, ramón!

pero a que vén agora este asunto de vendetas?! ramón non era quen de seguilo. só pensaba no feito de estar parado nunha das beirarrúas máis transitadas da cidade, atónito, vendo as feituras do seu compadre.


este cabrón, ramón, rascoume os cristais das gafas novas da filla e despois desentendeuse do asunto e botoulle a culpa á rapaza, o moi...! pero ramón non sabe que máis porfiuo o seu compañeiro porque o que fora xa o dixo tapando a cara coa media de nylon que sacara do bolso.

que nos imos meter nun lío por unha parvada, roi...

que poñas a media hostia! que a este tipo vaille acordar a allada!


(...)

17.6.08

plan (primeira parte)

aínda faltaba para dar as oito e a cidade xa anunciaba vestidos de verán que desfilaban por diante da noutrora lustrosa vidrieira do café mar do norte. detrás da mesma, roi e o seu compadre ramón podían ver a cidade lagañosa correr cara aos autobuses urbanos e mirarase de esguello nos semáforos.

sentados á mesa número sete, os dous homes agardaban. impacientes.

entretanto, a camareira deleitábase en comentarios chismosos na cociña, o que impacientaba especialmente a ramón, que a vía recostada na fiestriña por onde deberían estar saíndo os seus almorzos. finalmente a empregada dignouse. e achegouse á mesa coa desgana propia dun choio mal pagado.

que lles poño -ao tempo roía nunha goma de mascar- aos señores? a muller nin sequera os miraba, a súa vista perdíase máis aló da graxa dos cristais e da citröen, como se puidera atravesala coa súa visión de raios x e ver o mar. de seguro que se imaxinaba alí no medio do océano, de cruceiro.


a min bótame un café de almorzo...e máis...tedes torradas? pero de pan bo, do de verdade.
roi tiña unha teima co asunto aquel das torradas. a ramón, sinceramente, isto parecíalle unha parvada soberana. e naqueles momentos, parecíalle tamén que era enredar á muller alí por enredala. e por iso, baixo da mesa, comezou a darlle patadiñas nada discretas ao seu compañeiro.

as torradas facémolas co pan co que se fixeron as torradas toda a vida, dese de bolsa. eu non lle coñezo outro pra torradas. ela, de verdade, non sentía entrega ningunha por aquel choio.

pois entón bótame unha madalena. e ti ramón? e ramón notou o zapato do outro na canela e tivo que parar cos puntapés malia que, a esta altura, xa estaba realmente nervioso e non vía o momento de se desfacer da muller aquela, que agora o inquería coa mirada. a min póñame un café só e máis nada. e díxollo con tanto apuro que a propia camareira se decatou de que estaba de máis naquela mesa.

por detrás da barra, a empregada entregábase con parsimonia aos labores do almorzo e, con moito máis celo, miraba de cando en vez para os dous homes, que agora se debruzaban sobre un papel que ramón estendera na mesa e semellaban discutir en voz baixa, cortando de vez en cando as olladas dela que volvía á manteiga e ás culleriñas disimuladamente.

mira ramón, se non te relaxas entón si que vai ir todo para o carallo! e foi nese punto de voz en alto que se ergueu o home e foi ata o teléfono, onde falou tan apurado que non chegaron a entender moito os do bar, só que o ford non lle acendera pola mañá e que que culpa tiña el e que agora ían almorzar porque xa estaba bastante cabreado polo do coche e que habían de chegar a tempo, que diso se encargaba el, pero almorzados, vive dios! e colgou o auricular cun golpe tan forte que o encargado do bar mar do norte saíu do cuartucho das contas a ver que pasaba.

e en canto o home volveu á mesa chegou tamén a camareira, xa moi intrigada malia o susto, portando unha bandexa de metal na que ben se vían abanear os pocillos mal asentados. xusto chegou no instante preciso en que o tal ramón enburullaba sen pericia ningunha o papel aquel nun bolso de deportes que deixara ao seu carón.

de modo que cando pagaron deixando unha boa propina (para que sorría anque sexa só ao marcharmos, dixéralle o das torradas) e saíron pola porta do mar do norte, xa non só a camareira senón tamén a cociñeira e o encargado que saíra de novo do cuartucho, seguían os seus pasos coa mirada, pegados á vidrieira que, dende logo - dixera o encargado- ten boa falta de lle pasar unha auga.

e encamiñáronse rúa arriba os dous homes, portando sendas bolsas na man.


(...)

12.6.08

click!

entraba san xoan  ardendo e as tardes pasábaas ao fresco; preparaba a bolsiña da merenda e de súpeto antollábanselle fresas e piña e, ao peor, mandarinas, que xa non estaban no tempo, e mesmo aguacate! con tanto como o aborrecía. á sombra dunha árbore moi antiga que había no atrio dunha igrexa cercana agardaba pola caída do sol e a praia baldeira, entretanto revisaba traballos atrasados ou lía novelas de intriga e, ocasionalmente, libros de poemas. 

cada pouco chama á casa. cando vas vir? 

cando ía, varias xeracións de mulleres, algunhas que nin sequera coñecía, facían corro ao seu redor contaban anécdotas diversas do historial familiar co ánimo de ilustrala, calmar pequenos temores propios da circunstancia ou simplemente co de presumir acontecementos futuros baseándose en ancestros métodos de adiviñación. 

a ela todo iso divertíaa moito. 

volvía á cidade e cada vez as semanas se contaban en máis meses. a el tamén lle gustaba vela engordar e moitas veces sentaba a mirala cando se peiteaba despois da ducha. á tardiña saían xuntos para pasear. mentres andaban,  xogaban a imaxinar a vida das xentes que regaban as macetas nos balcóns dos edificios ou a calcular os tesouros minúsculos que os viandantes perden nas profundas bocas que abrían as reixas de desaugue da rúa.   

outras veces baixaban en bici ao parque. paraban preto do estanque e sentaban a merendar nos bancos que miran cara aos patos. os nenos corrían detrás das aves, ou obrigaban ás palomas a levantar o voo sembrando o estanque de plumiñas brancas. todo era ruído, berros de voces demasiado agudas e migas de pan humedecido que se pegaban nas solas dos zapatos. 

atópaste ben? maréaste?
non, é só que, non sei porque, púxenme un pouco triste. 
ás veces pasaba iso. os temores subíanlle polas pernas coma feras. para calmala, el pasaba a súa man sobre o ventre dela, debuxando aquela redondez.  
mira, aquela nena olla para ti. e mentres el dicía isto cun sorriso, a nena camiñaba cara eles con firme paso infantil. traía a man pechada e a vista fixa. parou diante dela. 

señora, tome e estendía a man na que había un caramelo de fresa desfeito en suores e outros calores de peto.  o caramelo é para o seu neno pero di miña nai que o ten que comer vostede porque aínda está aí dentro. coa punta do dedo índice facía unha leve presión na barriga dela. e non se poña triste porque non teño máis...

a pequena virouse para súa nai e deixounos alí pasmados, mentres se despedían timidamente daquela nena de enormes ollos. 

en chegando á casa el púxose coa cea e ela dobrou a roupa que estaba colgada no cuarto. en acabando, preguntoulle

amoriño, sácasnos unha foto?

era a primeira que tiñan xuntos


click!





3.6.08

nove nas librerías


señoras e señores: nove, pequeno e endemoniado libro que consumiu as paciencias da autora durante noite e noites, xa está entre nós, xa existe en papel e á maneira tradicional e en pouco tempo, días tal vez, poderá pedirllo ao seu libreiro de confianza alegando instintos poéticos e outros síntomas de insomnio. 

edita a xente de fervenza a conto de avelina valladares, debuxa david rubín e escribe prólogos coma ninguén suso bahamonde. o resto xa é colleita dunha servidora. 

agardamos, eu mesma tamén, a ter un tempiño e facer unha edición dixital libre para os homes e mulleres libres deste mundo virtual e do de máis aló. 

para os nostálxicos da posesión física e amantes das edicións primeiras, aquí o está; un libro sobre o desacougo de habitar unha illa enquistada no lombo ferido dunha enorme balea. 

esta nova, poden crelo, é motivo de sorriso grande para a autora, aínda que hai outros

;)


1.6.08

inspiración aldao + lado

unha divertida tarde lendo en mugardos. entre as mulleres que enchen a sala atopamos a rosalía e a nosa inspiración. unhas risas.
gustounos tanto o cadro, que non puidemos resistirnos.
:)