29.9.08

recital para ver

por cortesía do levantador de minas e virtude do youtube pódense xa deleitar co video do recital de peche do III congreso de novos escritores da AELG. unha tarde moi divertida chea de reencontros con amigos, paseos pola coruña coa barriga grande e poesía a esgalla. 

(como se me adiantou señor levantador, a min nin sequera me dou tempo de descargar a cámara!)

así pois, pasen e vexan a estíbaliz espinosa cantar e facer videos, a antía otero presentando, a enma couceiro recitando poesía, a celsiño contando cousas e lendo anacos de poemas, ao leo facendo o punkipoeta e a garcía de dios que te crew dándolle caña a celso emilio. 

26.9.08

fin de semana



a partir desta tarde as pantasmas da linaxe de mariñan estarán un pouco menos tranquilas no seu repouso secular porque unha boa chea de escritores novos, isto é, dos que comezaron a publicar na década dos 90, tomarán os corredores e as sombras dos camelios do xardín para poñer en común cousas como  a utilidade -e perversión-  das novas tecnoloxías aplicadas ao feito literario, sobre a escrita que temos, ou non, e que outros trazos poden facer que nos sintamos parte dalgo común. 

aldao e unha servidora presentarémonos o sábado ás 18:00 horas no museo de belas artes coruñés para ler poemas entre amigos. 

aquí lles deixo o plan de mariñán: 

 

Venres 26 de setembro 2008. Pazo de Mariñán

• 16:00-18:00h · MESA REDONDA  “Cartografías literarias no novo século”
INTERVEÑEN Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal · COORDINADORA
María Xesús Nogueira

• 18:30-20:30h · MESA REDONDA “Presenza e invisibilidade das/os escritoras/es na sociedade actual”
INTERVEÑEN Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro · COORDINADORA Elvira Riveiro

* * *

Sábado 27 de setembro 2008. Pazo de Mariñán

• 9:45-11:45h · MESA REDONDA
“A literatura. Internet e novas tecnoloxías”
INTERVEÑEN Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez · COORDINADOR Francisco Castro


• 12:00-14:00h · MESA REDONDA
• “Literatura, sociedade, nación”
INTERVEÑEN Carlos Negro, María Reimóndez e Rafa Villar · COORDINADORA Marta Dacosta

Tamén o sábado 27, ás 18.00, haberá un recital mantido por Antía Otero no Museo de Belas Artes da cidade da Coruña [rúa Zalaeta s/n] co título xenérico de “Antes mort@s que solemnes” [ESPAZO ONDE AMOSAR OUTRAS CARAS DA PALABRA]
INTERVEÑEN María Lado + Lucía Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo

O peche do encontro contará con García [membro de Dios Ke Te Crew] cantando a Celso Emilio Ferreiro

Todos os actos son abertos e de balde até completar aforo.

25.9.08

recuncar sobre o asunto do gonzález garcés

Volvo escribir sobre a impugnación do premio de Eduardo Estévez porque me pode a indignación e, por algunha razón, teño a sensación de que debo expoñer o que penso para contribuír ao debate creado pola inxustiza en cuestión como se fose un granciño de area o que deito nesta montaña de opinións. 

En primeiro lugar creo que as bases dos premios, da maioría deles ou cando menos dos que eu teño coñecemento, son o suficientemente operativas. Creo isto porque, seguro que erroneamente, creo moito no ser humano. É certo que poderían ser máis estrictas, mesmo matemáticas, e algunhas en concreto –acórdome agora das do famoso Avelina Valladares ao respecto da publicación- poderían estar redactadas con máis concisión, pero tamén creo que o seu cometido é actuar como directrices e que son os xurados os que, coa súa interpretación, debe actualizar o que alí se di. Refírome a que é labor do xurado considerar que libros respectan as bases interpretando as mesmas e tamén os que, en consenso entre eles, deben establecer os límites desas bases.

Tamén me gustaría dicir que na miña experiencia de xurado –e xa teño estado nun bo número deles- nunca atopei nada sospeitoso e si moita capacidade para dialogar; os xurados que eu vin sempre foron limpos e o consenso entre os membros do xuri estableceu, en diversas ocasións, límites aceptables a cláusulas das bases (como, por exemplo, aceptar un libro que pasa un pequeno número de versos do exposto nas cláusulas) sen que por iso haxa que perseguir a ninguén. Os xuíces botan o día interpretando a lei e a ninguén lle parece estraño iso. Digo todo isto porque moita xente (especialmente os que non gañan un premio) adoitan dicir que os xurados son todos uns corruptos, como se xurado fose unha persoa concreta e sempre a mesma. 

Sobre o estatus de édito ou inédito paréceme que roza o absurdo –pero igual isto mo parece a min e son a única- discutir se construcións é un libro inédito ou non. Sen ter que remitirme a termos xurídicos nin técnicos creo que é evidente que un blog non é un libro, e que publicar uns poemas nun soporte semellante non é ter unha obra editada porque, nese caso, eu debo ter uns trescentos libros na miña bibliografía e por moito que citase os títulos dos meus posts nun curriculum ninguén aceptaría iso como obras e moito menos editadas. Sen necesidade de esaxerar tanto direi que ninguén aceptaría que casatlantica.blogspot -en este formato- é un libro, por moito que eu porfiase en vendelo como tal.

Doutra banda cando nas bases se pide que unha obra sexa inédita non creo que sexa necesario explicitar se toda a obra, ou o 70% da mesma ou cando menos o 50% da mesma porque iso son pamplinadas moi difíciles de medir (o porcén ese que se contabiliza, en versos, en poemas ou en caracteres?). O que hai ver é, simplemente, que o libro que se vai valorar non exista xa como libro. E tamén ten responsabilidade o xurado, en función das bases, ao decidir que libro se acepta e cal non, e, nese caso, haberá xurados máis exquisitos ca outros. 
E (que ninguén rasgue as vestimentas aínda) saiban que é habitual –moito- que un poeta presente a un premio un libro no que algún dos seus textos foi publicado nunha revista, antoloxía, web, xornal, e sabe deus cantos soportes máis. Iso fai que a obra en si xa non sexa inédita? Non.  A estrea do trailer dun filme no que se ven incluso ¡esceas do final! fai que o filme estea estreado? A ver quen é o que di que si e queda tan ancho. Pois do mesmo xeito a publicación duns poemas (e neste caso da versión primixenia duns poemas) non pode afectar a todo o libro, á obra en si, pois non existe editada como tal. E apañados estabamos se os poetas galegos (e doutros lares) tiveran que gardan inéditos completamente 600 ou 1.000 versos para presentarse a un concurso. Moitas revistas, libros colectivos realizados con diversos motivos, webs e demais terían que buscarse outros colaboradores. Porque, se nos poñemos estrictos, o publicado xa non o poderían publicar (estaría suxeito a dereitos de quen o publicou antes) e o inédito habería que gardalo para a semente. Unha cousa de tolos vaia. 

E despois está que tampouco o poderían ler en público! Porque entón poderían estar vulnerando sen sabelo a seguinte base: aquela que esixe presentarse como anónimo. Outro debate dos bos este... como vai un autor controlar que un xurado non o recoñeza? Cal é a fórmula para facer iso? pode alguén escribila aquí nos comentarios, por favor? Os xurados, como o resto de lectores, son libres de elucubrar durante as súas vixías nocturnas se os libros pertencen a tal ou cual autor (cousa que, ademais, adoita apaixonar aos xurados) e algunhas veces ata acertan. Baséase esta posibilidade de recoñecemento en cousas tan imprecisas como a súa bagaxe cultural, o coñecemento do estilo dalgúns autores, as lecturas que fixeran, a súa asistencia a recitais e outros actos e ata a intuición!... En fin, que si! que pode pasar que un vaia a un xurado e recoñeza aquel poema porque o escoitou ou o viu escrito antes. E non por iso xa hai a obriga de sacar ese libro do concurso porque o seu autor, saiba o que saiba o xurado, presentouse baixo plica igualmente, pero non pode loitar contra a sociedade da información esta, na que todo se sabe, e moito menos co amplio lercheo ao que nos condena un paisiño tan curriño coma este.

No caso de Eduardo, el non enganou a ninguén. O seu proxecto en construción -que valoro como unha das propostas máis atrevidas dos últimos anos de literatura galega- nunca foi ocultado a ninguén, estaba á vista de todos dende o principio, e entre eses todos está tamén o xurado. E presentando o resultado desa experiencia ao premio non incumple base ningunha porque, recordemos, el preséntase baixo plica e, polo tanto, de maneira anónima. E Construcións non está publicado como obra, nin sequera como libro dixital! pois o antecedente ao que Lama se refire nin sequera é o mesmo texto final, e para máis é un blog. E por iso, se o único que tivese Eduardo publicado fose ese blog, nunca xamais o admitirían no PEN clube porque, non se enganen, eles si que piden ter obra publicada e saben ben que un blog non o é.

Agora ben, se o xurado decide, hai que respetar tamén as súas decisións e non pensar que todo está nas bases e que eses tipos se reúnen para tomar unha determinación cegamente, acabando prontiño para ir comerlle a lamprea ao restaurante do lado, porque iso é tamén unha falta de respecto cara a autoridade que se lles dá. O que xa escapa amplamente ás miñas curtas entendedeiras, é porque admitiron o recurso de Xavier. E non o entendo polo exposto ata agora e porque todo o que Lama alegou non pareceu que fora tomado en consideración anteriormente (igual non eran tantos os miles de lectores que se lle supuxo ao blog de Eduardo, vaia). Por iso mesmo creo tamén que non había razón de xustiza para impuganar o libro de Eduardo Estévez e que facelo demostra moi mala fe, mesquindade incluída, por parte de quen impuga, que ten coraxe aínda para alegrarse de recibir este premio! Ben, recibir recibir, igual non é o verbo adecuado, haiche outros que lle acaen mellor ao caso.

Finalmente, non vou negar aquí que as bases dos premios literarios deban revisarse para adecualas aos tempos que corren (nos que aparecen os libros dixitais como publicacións á par dos libros de papel de toda a vida... ben, que che son libros igualmente) pero tampouco son elas unicamente o problema. O que falla aquí tamén che é o sentido común. E iso lamentablemente, non hai cláusula que o recolla por moi ben redactada que estea. 

24.9.08

anda a deputación da coruña a moverlle os marcos a gonzález garcés e...




veño de coñecer, a través dunha carta aberta enviada polo poeta eduardo estévez, a situación na que se atopa o seu libro construcións, poemario que resultou gañador na XVI edición do premio gonzález garcés convocado pola deputación da coruña. este premio foille entregado a eduardo por un xurado que o fixo libremente e con atendemento ás bases do mesmo (as cales, hai que supoñer, leron e interpretaron no seu momento, porque niso consiste exactamente ser xurado) e que outorgou tamén un accesit a unha obra de xavier lama. o caso é que a deputación coruñesa acaba de notificar a eduardo a resolución pola que acepta a impugnación presentada polo xa citado xavier, na que pide que se retire o premio a construcións por considerar que non se trata dun libro inédito. basea esta impugnación no feito de que o poeta mantivo un blog, fechado varios meses antes da convocatoria do premio, que chamou en construción, no que ofrecía aos lectores a posibilidade de asistir ao proceso de creación. pero, antes de cegárense, saiban que en construción era a “bitácora da construción dun libro de poemas” na que se podía observar cal era a xénese e vida duns textos que, tempo despois e xa non á vista do público, foron convertidos nun poemario. como ben se informa no blog, eses textos foron refeitos, con engados e perdas, e convertidos xa nunha obra finalizada, estructurada e consolidada como tal, que foi presentada a un concurso -o da discordia en cuestión- que para máis gañou. ademais de apreciarse un amargo mal perder na actuacción de xavier, hai tamén moi mala hostia e pouco de profesional, pois son moitas as voces que coinciden –dende o punto de vista legal tamén- en que nin un blog é unha edición (non é un libro, nin sequera un libro dixital) nin a mostra dun proceso é o mesmo que a publicación dunha obra, así como tampouco se considera édito un libro porque o autor recitara os textos que o compoñen algunha vez en público. 

como xa dixo don camilo -e xuro que é a última vez que o cito- non é o mesmo estar durmindo que estar durmido (e só o primeiro é mellor ca o segundo, engadiría siniestro). do mesmo xeito, non é o mesmo estar construíndo que o resultado desa construción. xa, xa sei que a sentencia ten unha segunda parte; tampouco estar fodido por non levar máis ca unha mención implica que un teña por iso que andar fodendo aos demais. se un quere gañar un premio os camiños son outros e non deberían pasar nin por despachos nin por xulgados. tamén a deputación debería ter en conta moitas outras opinións –e iso esperamos que faga coas expostas nas alegacións de miro villar, fran alonso e miguel anxo fernán vello- antes de renderse ao desquite vingativo desta pataleta vergonzante. non vaia ser que nos poida o galeguiño que levamos dentro e convirtamos a literatura galega en terreo para pleitos por marcos e camiños. saiamos, polo ben de todos, deste minifundismo mental dunha puta vez.

22.9.08

pilículas

durante a fin de semana, na que -aviso para navegantes- ademais aproveitei para perder o teléfono, atópome con esta nova na que se refiren a un documental elaborado no ano 68 polo servizo de extensión agraria gravado entre os veciños do lugar de lires, alá por vilainferno

nostalxias de estar lonxe en combinación con hormonas prenatais... todo emoción.   tanta que juandelux e unha servidora pregúntanse onde poderán conseguir unha copia disto. algunha idea?

por certo que estarei varios día incomunicada ata que recobre o aparello telefónico. escríbanme se a cousa e grave (e se non, tamén)

;)

16.9.08

medicina, filosofía e mecánica

vou a unha consulta: 

mire, é que teño unha dor forte aquí.
vai e vén?
non, é constante, dende que empeza estalle aí todo o tempo.
todo o tempo? 
cando estou deitada non. é sobre todo cando estou de pé.
pois entón, vostede mesma está dando co tratamento: procure descansar.

...
pero imaxínense que fora no taller e percibirán o absurdo do asunto:

mire, é que o coche mete un ruído raro.
vai e vén?
non, é constante, dende que empeza estalle aí todo o tempo.
todo o tempo?
cando está apagado non. é sobre todo cando imos circulando. 
pois entón, vostede mesma está dando co arranxo: procure non acendelo. 

10.9.08

de norte a sur

á tarde, desafiando esta calor de treboada que non dá descargado, saio pasear. detéñome uns instantes na frutería da esquina da rúa porque nunhas caixas que teñen á porta relocen unhas mandarinas cun cartel amarelo... que raro, penso, non é un pouco cedo para as laranxas mandarinas? se todo semella aínda agosto. e mais nesta cidade de árbol centenario onde nin sequera entran os temporais que acompañan na miña memoria a chegada do curso e as primeiras mandarinas aínda ácedas. na infancia, o outono empezaba co arrecendo da librería e ese sabor cítrico que prevén contra os catarros traídos polas molladuras. e iso, o asunto das choivas e dos temporais, das borraxeiras temperáns e o inverno perpetuo -digo eu que ten que ser iso, esa particularidade climática esencial-, iso estráñoo moito. faimen pensar nos anos pasados, na casa e na familia á que sorprende, tanto coma a min, que neste sur que habito apenas hai invernía.

semella outro país.

manda carallo... nin que galicia fora brasil.



(a foto foi tomada na semana santa do 2008 en touriñan)

4.9.08

en terras do condado

saiban iremos a dalo todo a salvaterra, porque a asociación, experta en montar grandes programas , merece iso e moito máis despois de tantos anos de loita e poesía que valeron para chegar tal día coma hoxe e berrar que ...


e saiban tamén que agardamos velos por alá. 


3.9.08

existir e máis aló

viña para aquí para falar diso que está embaixo e darlle todo o meu apoio a arsenio iglesias (o poeta de fene, non o zorro de arteixo), pero pasei antes polo sitio do levantador e atopeime coa caixa de pandora aberta e tódolos males, prexuízos e algún que outro complexo da literatura patria ceibos e desbocados. o culpable de abrir a caixa dos tronos, xa saberían pola prensa, foi a estrela da literatura comparada george steiner, home sabio, si, que non por iso está libre de dicir algunha algunha barbaridade de cando en vez. e esta foi unha das veces. ao debate acoden voces valiosas como a de arturo casas, home a quen nesta casa se admira especialmente pola súa serenidade e sensatez intelectual. arturo pon sobre a mesa grandes interrogantes sen resposta que falan da necesidade de proxectar unha imaxe digna –ou unha imaxe, cando menos- de nós mesmos, da nosa literatura, lingua e cultura, fóra de nós, polo mundo adiante e máis alá. son moitas as causas que se poden anotar –e xa houbo quen as anotou, e con pericia- sobre a nosa invisibilidade como cultura máis aló do telón de grelos... e o debate está ardente. eu quero consolarme pensando que a labazada de steiner servirá para facer unir esforzos neste traballo hercúleo que é saír do minifundio. non creo que haxa que convidar a ninguén a unha cuchipanda para informalo das nosas glorias literarias nin mandar a touriño polo mundo co sempre en galiza debaixo do brazo (anque mal tampouco lle facía) e descoñezo cales son as medidas a tomar para tornarse sistema literario existente, ou se un instituto rosalía (e dios a teña na súa gloria porque aquí témola tódolos días na boca) vai ser a solución a este mal. supoño que máis ben unha conxunción de iniciativas, actuacións e sobre todo planetas, porque escaparlle a cousas como o manifesto da lingua común esa, á galicia bilingüe, e a outras ignorancias que nos circundan require practicamente unha conxunción astral milagreira.

e digo eu...será que o galego xa non existe e os escritores foron os últimos en enterarse?!

por favor, que alguén me avise se é así. mentres tanto -e a falta de máis normalidade (eu, sinceramente, xa creo que nunca estaremos máis normalizados) sigo sachando na leiriña que me tocou deste monte sen parcelaria que é a literatura galega. porque se fóra somos invisibles dentro a cousa non está moito mellor. penso ás veces, a verdade, que nos comen os toxos...

2.9.08

inédito arsenio:

algúns tal vez saiban que foi virtude de avelina valladares que nove ande encarnado en papel polas librerías do país. en efecto, esta sorte que nin el nin eu buscabamos, caeulle do ceo por ser gañador da XI edición dese premio. da XI e non da X, como figura -erradamente- na capa do libro. e dirán vostedes... que importancia ten unha un pauciño? pois este pauciño moita, xa que detrás dese erro de imprenta agóchase outro de matices máis misteriosos e escuros -que eu non sabería explicar aínda que quixera- e que ten que ver con que os lectores deste pequeno, e tantas veces errado país, non poidan ler aínda os versos de ático. así é como se chama a obra de arsenio iglesias, poeta de verso precioso que gañou, el si, a X convocatoria feita en nome de avelina.
e saiban ademais, que ese libro é o único dos premiados nos últimos anos que queda sen publicar. agora, non me pregunten o porqué. misterios relacionados coa curia administrativa e vai ti saber que intereses, ou máis ben, desintereses dos que moven este e outros mundos.
eu pola miña parte, que tiven a sorte de ler os versos de arsenio naquel ano da X edición - ademais do pracer inmenso de compartir co poeta recitais e abrazos- envíolle a arsenio o meu apoio incondicional nesa peregrinaxe súa á procura de respostas que leva máis dun ano facendo sen meter apeniñas ruído.
ata que hoxe, por fin, alguén se fixo eco desta nova, que poden ler aquí. de corazón que agardo que valla de algo.
muita sorte, amigo.
;)