26.2.09

de onde veñen (realmente) os rapaces?


Atopáronse por casualidade, había tanto que non se vían! E na sección de galego daquela horrible librería do centro comercial foron dar un co outro, mira ti, vivindo na mesma cidade e sen sabelo! Así que feliz ano, feliz, e dous bicos,claro que si, e que, como che tratou a vida nestes anos?, pois xa ves, e que sorpresa si,si...pois... que fas por aquí?
E el que estaba coa filla pequena facendo tempo mentres a muller miraba zapatos, e ela que devolvía un best seller que lle trouxeran os reis. E si, aquel pequerrecho que durmía no carriño era fillo dela, chamábase be, e tiña exactamente un mes.

E ti como te chamas? Preguntoulle ela á nena de ollos rasgados que os observaba silenciosa ao tempo que se aferraba á man do pai. Laura, dixo a nena mui baixiño, parapetándose detrás do home. E entón el explícalle que aquela muller é unha amiga de hai muito tempo e que como ela é unha nena grande, que xa ten tres anos, debe portarse educadamente e falarlle alto e claro e sen agocharse.

Chámome laura, volveu repetir a nena. E teño tres anos así, dicía ensinando tres dedos ergueitos da man esquerda. E veño con papá mercar un libro que fale de avións. E lo gústánche os avións? Preguntoulle ela, gústanche? E laura di que si coa cabeza e a vista baixa, e sen mediar palabra algunha vírase cara seu pai e estira os brazos cara o ceo, pedíndolle con ese pequeno xesto que el comprende, que a colla.

E os dous vellos amigos póñense a falar entre eles, deixando que laura e be se miren con curiosidade, laura dende o regazo do pai e o pequeno be dende a cestiña do carro. E como o home pregunta, ela faille un resumo rápido do embarazo, que foi tan bo, que se lle puxo un barrigón enorme que nunca se imaxinaría e que tiveron que saír correndo do teatro para o hospital o día do parto. E cando ela vai preguntar, para saber tamén da vida del, a nena adiántase e abrazando a seu pai, coa súa cabeciña pegada á meixela del, inquire papi, entón este bebé vén dentro da barriga desta señora? Si, dille o home, tíñao aí dentro. E como é que lle cabía aí? Porque daquela era unha barriga grande, grande e o neno era pequeniño, pequeniño... Pero laura non parece mui convencida e volve mirar ao pequeno e despois á nai con expresión de desconfianza. Non o cres laura? Pois ti tamén viñeches de dentro dunha barriga, razoa ela coa nena, e tamén eras pequeniña pequeniña coma un garbanciño e cabías alí dentro.
Laura pénsao un pouco antes de contestar con firme convicción a aquela señora:
Non é tal, eu non vin da barriga de ningunha señora, que vin dentro da barriga dun avión e papá e mamá recolléronme no aeroporto... verdade papá?
Claro que si, díxolle o home, e viñas dun país moi moi distante, onde as amendoeiras se enchen de flor cando chega a primavera.

2 comentarios:

From Hell dijo...

fermoso, xa o sabes.
bico

ML dijo...

cará, mariuska, que post máis bonito. nesta noite acre vou marchar á cama cun sorriso e unhas bagoíñas nos ollos que non han ser de tristura.
bicos grandes para os tres.
meus e da parienta que teño aquí ao lado.