14.2.09

a escolla

aquí vos queda o relato que aparece hoxe no xornal de galicia con motivo do inicio da campaña. ou sexa que debe ser un relato electoral ou un relato de campaña ;) agardo que vos guste.



Dáme igual
Iso non vale, tes que escoller un.
Pero é que me dá igual! Tanto che me ten un coma outro!
Pois se tanto che ten escolle un calquera, pero escolle un!
Pero é que non sei cal escoller! Mellor dáme ti o que queiras e xa acabamos...
Boh! A ti non hai quen te entenda, Samuel. -Óscar comezaba a perder a paciencia. Aínda así, mantiña estirada a man na que sostiña dous cartóns con candanseu futbolista retratado e agardaba a que o seu amigo tomase un. Pero a Samuel tanto lle tiña. Non é que non quixese ningún dos dous xogadores, é só que tanto lle daba cal lle tocase. Os cromos apostáranos nunha pachanga e fora Samuel quen gañara o dereito de escoller un dos de Óscar, pero o caso é que non escollía nada. Óscar non o entendía. A el non lle cabía dúbida ningunha; Estévez era mil veces mellor ca Roca... mimá, non había color! E por iso a actitude de Samuel lle resultaba incomprensible. Tanto me dá, de verdade, volvía repetir o seu amigo. E sobra dicir que Estévez era máis difícil de conseguir, porque, non nos enganemos, ninguén o quería cambiar por nada do mundo, nin que lle ofreceras dous ou tres por el. O que o conseguía gardábao coma o trigo da semente. E Óscar tiña a certeza de que Samuel debía saber isto, era imposible que non o soubese porque non se falaba doutra cousa no recreo...por deus, se Estévez fora pichichi dous anos seguidos!E no fondo Óscar non tiña ningunha gana de desfacerse dese cromo, e agardaba que Samuel escollese o de Roca, que, sinceramente, era un paquete de moito coidado, un xogador que estivera de moda uns anos atrás a conta duns anuncios de tenis pero que a ninguén lle interesaba xa. Ata seu pai, incondicional do equipo no que o deportista era titular, dicía que Roca só era bo para ir buscar a morte, porque seguro que se perdía no camiño de volta. Así que Óscar supoñía que debía darlle o de Estévez, porque ao fin e ao cabo eles dous eran amigos de toda a vida e curmáns, que se criaran xuntos, metido un na casa do outro, sen que nunca importase que el fose case un ano máis vello ca Samuel... e por iso pensaba que debía darlle o de Estevez, pois o contrario sería... sería como enganalo. Queres o de Estevez? E Samuel veña a porfiar Dáme igual, dáme igual... Que traballo lle custaba escoller? Se lle dixera si, quéroo, quero ese, pois el daríallo sen pensalo, porque lle quería ben, porque eran coma unlla e carne, era o irmán que el tiña. Pero a súa indiferenza poñíao nunha situación difícil porque Estevez era un cromo dos bos, Na escola mesmo había quen dicía que dese se facían menos exemplares ca dos outros. E ata seu pai, que nin sequera era dese equipo, dicía que Estévez era moi mítico, un xogador dos de verdade, un animal!
Despois duns minutos Óscar ergueu a vista e mirou aos ollos ao compañeiro.
Toma este. É o mellor, sabes? É un xogador de categoría, unha máquina.
Samuel colleuno cun sorriso e os dous rapaces quedaron na rúa un anaco, sen dicírense nada, mirando cadanseu cromo coa vista fixa. O sol deslizábase sobre a parede na que se recostaban, deformando as súas siluetas. Sobre as súas cabezas os candidatos á presidencia prometían un futuro mellor para o país. Vota por ti, leu Samuel antes de marchar con Roca na man. O home que pegaba os carteis da oposición mirounos brevemente e continuou coa súa labor. A noite xa caera.

4 comentarios:

LM dijo...

gostei do final... o caminho do medio... o home que pegava os carteis... a noite xa caera.
beijos

a p n e i c a dijo...

grande. porque es así, casi todo se puede contar hablando del recreo, casi todas las cosas están ahí.

besos desde el mediterráneo.

por aquí abajo, a fuerza de querer leeros me estoy volviendo gallega.

(¿Se encuentra Berlin fácil por Madrid o lo encargo? Es que voy a subir en unos días y quiero comprarme libros).

Ex Traño dijo...

joder nena
non me extrana que che publiquen, hay tanta intensidade no relato que realmente acabei pensando: pero tio colle dunha puta vez a Estevez...

vamos que xa estaba eu ali no recreo con eles y só en un par de lineas...

bicos diminutos pra ese chicarron do norte y un tamaño standard pra ti

mariademallou dijo...

eu tamén aprendín o pouco que sei nos recreos da escola, nos do instituto só me dediquei a fumar e nos tempos libres da uni a pedir apuntes...así me vai, claro ;)

bicos de volta sr ex traño

e para a apnéica poeta apertas e bicos xigantes. faite galega xa e vente para aquí, anda!
por certo, a mellor maneira de conseguir berlín é na edición dixital (que ademais é máis bonita) descargándoa dende a regueifa plataforma. a edición en papel hai que pedila en o correo gallego, creo que se os chamas ou escribes cha mandarán..non o sei, non estou segura diso.