20.3.09

galician pysco

Imaxinen por un intre que Castelao volve entre nós. Polo ao día do ocorrido nos últimos 50 anos. O tipo vese contento. Entón pregunta como lle vai á súa lingua nai e, con certa reticencia, acabas contándolle o de Galicia Bilingüe. Imaxinen isto e déanlle a Castelao un licor café para pasar o trago, que lle ha facer falta. Para explicarllo mellor poslle un vídeo de seioque.com (Sei o que nos figestes...).A imaxe é a seguinte: en plena manifestación a prol do bilingüismo aparece un tipo berrando na Galiza, en galego! e seis ou sete policías nacionais batendo nel. Castelao, alucinado, observa como detrás deles hai centos de persoas véndoo todo. Hai quen berra dale, dale! Todos aplauden. Castelao pregunta quen é esa xente toda? Son persoas que defenden a liberdade de escoller calquera das dúas linguas oficiais no territorio galego, dislle. Ti non queres enganar a Castelao pero habería que lle dicir que en realidade defenden a libre escolla do castelán, pero mira, está recén encarnado, imos aforrarlle o desgusto. Daquela o rianxeiro, que xa está pensando que maldita a hora na que saíu da caixa, atópase cunha charanga de músicos disfrazados de folclóricas con lunares. Non cabe dúbida, son dos que no hipotético país bilingüe escollen o galego. Van tocando o himno español... si, é a santa retranca. Iso a Castelao faino sorrir porque admira a habilidade dos seus compatriotas para armarse con humor no canto de balas. De súpeto a charanga atopa aos nacionais de antes, que os tratan coma delincuentes, moi distinto a como tratan aos que defenden as liberdades citadas. A esta altura Castelao xa está máis que confuso. Bilingüismo, pouco e liberdade menos. Máis adiante está Luz Fandiño, protestando pola brutalidade policial e apelando á memoria histórica. O auditorio de Luz son los del gallego e uns policías nacionais. Luz é unha resistente. Castelao pregúntache onde están a tal hora os políticos e candidatos que predican en galego. Considera que teñen unha débeda con esta muller. Mal lle explicas que nos tempos que corren o discurso en galego non sempre ten detrás un compromiso co país, nin sequera coa cultura. Castelao flipa. Mírate moi serio: entón... o tolo son eu?

(texto escrito para a obertura da revista tempos de marzo)

3 comentarios:

Galeguzo dijo...

Não tinha lido este artigo, mas realmente é fantástico. É uma breve mas exacta crónica do 8-F, e também um exercício de recriação histórica. Ai, pobre Castelão se erguesse a cabeça aquele dia!!

Antía dijo...

María, teño que confesar que son admiradora do que escribes, e gústame así, ós pouquiños para saborealo.
Bicos.

Antonio dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.