26.2.09

de onde veñen (realmente) os rapaces?


Atopáronse por casualidade, había tanto que non se vían! E na sección de galego daquela horrible librería do centro comercial foron dar un co outro, mira ti, vivindo na mesma cidade e sen sabelo! Así que feliz ano, feliz, e dous bicos,claro que si, e que, como che tratou a vida nestes anos?, pois xa ves, e que sorpresa si,si...pois... que fas por aquí?
E el que estaba coa filla pequena facendo tempo mentres a muller miraba zapatos, e ela que devolvía un best seller que lle trouxeran os reis. E si, aquel pequerrecho que durmía no carriño era fillo dela, chamábase be, e tiña exactamente un mes.

E ti como te chamas? Preguntoulle ela á nena de ollos rasgados que os observaba silenciosa ao tempo que se aferraba á man do pai. Laura, dixo a nena mui baixiño, parapetándose detrás do home. E entón el explícalle que aquela muller é unha amiga de hai muito tempo e que como ela é unha nena grande, que xa ten tres anos, debe portarse educadamente e falarlle alto e claro e sen agocharse.

Chámome laura, volveu repetir a nena. E teño tres anos así, dicía ensinando tres dedos ergueitos da man esquerda. E veño con papá mercar un libro que fale de avións. E lo gústánche os avións? Preguntoulle ela, gústanche? E laura di que si coa cabeza e a vista baixa, e sen mediar palabra algunha vírase cara seu pai e estira os brazos cara o ceo, pedíndolle con ese pequeno xesto que el comprende, que a colla.

E os dous vellos amigos póñense a falar entre eles, deixando que laura e be se miren con curiosidade, laura dende o regazo do pai e o pequeno be dende a cestiña do carro. E como o home pregunta, ela faille un resumo rápido do embarazo, que foi tan bo, que se lle puxo un barrigón enorme que nunca se imaxinaría e que tiveron que saír correndo do teatro para o hospital o día do parto. E cando ela vai preguntar, para saber tamén da vida del, a nena adiántase e abrazando a seu pai, coa súa cabeciña pegada á meixela del, inquire papi, entón este bebé vén dentro da barriga desta señora? Si, dille o home, tíñao aí dentro. E como é que lle cabía aí? Porque daquela era unha barriga grande, grande e o neno era pequeniño, pequeniño... Pero laura non parece mui convencida e volve mirar ao pequeno e despois á nai con expresión de desconfianza. Non o cres laura? Pois ti tamén viñeches de dentro dunha barriga, razoa ela coa nena, e tamén eras pequeniña pequeniña coma un garbanciño e cabías alí dentro.
Laura pénsao un pouco antes de contestar con firme convicción a aquela señora:
Non é tal, eu non vin da barriga de ningunha señora, que vin dentro da barriga dun avión e papá e mamá recolléronme no aeroporto... verdade papá?
Claro que si, díxolle o home, e viñas dun país moi moi distante, onde as amendoeiras se enchen de flor cando chega a primavera.

14.2.09

a escolla

aquí vos queda o relato que aparece hoxe no xornal de galicia con motivo do inicio da campaña. ou sexa que debe ser un relato electoral ou un relato de campaña ;) agardo que vos guste.



Dáme igual
Iso non vale, tes que escoller un.
Pero é que me dá igual! Tanto che me ten un coma outro!
Pois se tanto che ten escolle un calquera, pero escolle un!
Pero é que non sei cal escoller! Mellor dáme ti o que queiras e xa acabamos...
Boh! A ti non hai quen te entenda, Samuel. -Óscar comezaba a perder a paciencia. Aínda así, mantiña estirada a man na que sostiña dous cartóns con candanseu futbolista retratado e agardaba a que o seu amigo tomase un. Pero a Samuel tanto lle tiña. Non é que non quixese ningún dos dous xogadores, é só que tanto lle daba cal lle tocase. Os cromos apostáranos nunha pachanga e fora Samuel quen gañara o dereito de escoller un dos de Óscar, pero o caso é que non escollía nada. Óscar non o entendía. A el non lle cabía dúbida ningunha; Estévez era mil veces mellor ca Roca... mimá, non había color! E por iso a actitude de Samuel lle resultaba incomprensible. Tanto me dá, de verdade, volvía repetir o seu amigo. E sobra dicir que Estévez era máis difícil de conseguir, porque, non nos enganemos, ninguén o quería cambiar por nada do mundo, nin que lle ofreceras dous ou tres por el. O que o conseguía gardábao coma o trigo da semente. E Óscar tiña a certeza de que Samuel debía saber isto, era imposible que non o soubese porque non se falaba doutra cousa no recreo...por deus, se Estévez fora pichichi dous anos seguidos!E no fondo Óscar non tiña ningunha gana de desfacerse dese cromo, e agardaba que Samuel escollese o de Roca, que, sinceramente, era un paquete de moito coidado, un xogador que estivera de moda uns anos atrás a conta duns anuncios de tenis pero que a ninguén lle interesaba xa. Ata seu pai, incondicional do equipo no que o deportista era titular, dicía que Roca só era bo para ir buscar a morte, porque seguro que se perdía no camiño de volta. Así que Óscar supoñía que debía darlle o de Estévez, porque ao fin e ao cabo eles dous eran amigos de toda a vida e curmáns, que se criaran xuntos, metido un na casa do outro, sen que nunca importase que el fose case un ano máis vello ca Samuel... e por iso pensaba que debía darlle o de Estevez, pois o contrario sería... sería como enganalo. Queres o de Estevez? E Samuel veña a porfiar Dáme igual, dáme igual... Que traballo lle custaba escoller? Se lle dixera si, quéroo, quero ese, pois el daríallo sen pensalo, porque lle quería ben, porque eran coma unlla e carne, era o irmán que el tiña. Pero a súa indiferenza poñíao nunha situación difícil porque Estevez era un cromo dos bos, Na escola mesmo había quen dicía que dese se facían menos exemplares ca dos outros. E ata seu pai, que nin sequera era dese equipo, dicía que Estévez era moi mítico, un xogador dos de verdade, un animal!
Despois duns minutos Óscar ergueu a vista e mirou aos ollos ao compañeiro.
Toma este. É o mellor, sabes? É un xogador de categoría, unha máquina.
Samuel colleuno cun sorriso e os dous rapaces quedaron na rúa un anaco, sen dicírense nada, mirando cadanseu cromo coa vista fixa. O sol deslizábase sobre a parede na que se recostaban, deformando as súas siluetas. Sobre as súas cabezas os candidatos á presidencia prometían un futuro mellor para o país. Vota por ti, leu Samuel antes de marchar con Roca na man. O home que pegaba os carteis da oposición mirounos brevemente e continuou coa súa labor. A noite xa caera.

6.2.09

amigos e poetas residentes en...



igor lugrís e eduardo estevez convídannos esta mesma tarde á inauguración da exposición conxunta que permanecerá ata o 28 de febreiro na galería sargadelos de ferrol. igor leva os seus poemas+collages poesía para ler/poesía para ver, mentres que eduardo presenta ao mundo as fotografías do seu proxecto os veos da paisaxe. non sei se haberá pinchiños, o cal era de rigor, pero haberá dous poetas caralludos e inquedos deses que sempre lle andan dando á cabeza. así que a cousa promete. vaian aló, se poden, e envíenlles os meus parabéns.

non, lamentablemmente tampouco iremos á homenaxe a ferrín -dios...agardo que a providencia saiba perdonarme ese delito.- é que mallou comeza a estrañar ao pequeno de mallou.